Mariña Occidental, comarca da
Comarca situada no N-NO da provincia de Lugo e no N de Galicia. Limita ao N co Mar Cantábrico, ao S coa comarca de Terra Chá (concello de Muras), ao L coas comarcas da Mariña Central (concellos de Burela, Foz e O Valadouro) e Terra Chá (concello de Abadín), e ao O coa comarca coruñesa de Ortegal (concello de Mañón). Abrangue unha extensión total de 500,9 km2, cunha poboación de 27.362 h (2001), distribuída entre os concellos de Cervo (81,1 km2; 4.936 h), Ourol (145,4 km2; 1.445 h), O Vicedo (76 km2; 2.194 h), Viveiro (109,3 km2; 15.240 h) e Xove (89,1 km2; 3.547 h). A cabeceira comarcal, Viveiro (latitude 43° 39’ 50’’N e lonxitude 7° 35’ 30’’ O), é sede de partido xudicial, do que dependen o resto dos concellos da comarca. O espazo comarcal posúe un centro funcional, Viveiro. Esta vila centraliza todos os servicios administrativos cun ámbito de influencia que se estende a toda a costa N da provincia de Lugo, malia que determinados concellos escapan, en parte, á súa influencia, e outros, alleos a dita comarca e, incluso, á provincia de Lugo, vense atraídos pola súa funcionalidade.
Xeografía física
Está dividida en tres unidades estruturais que se diferencian claramente: a costa, os vales do Landro e Sor e as áreas montañosas. A área litoral está composta por unha litoloxía ben diferenciada por unha importante fractura (faia de Viveiro). Cara ao L desta faia predomina o granito do batolito Burela-San Cibrao, mentres que ao O se localiza no dominio do ollo de sapo. Isto maniféstase tamén no relevo costeiro, xa que na parte occidental predominan as costas onduladas con pequenas enseadas e formas máis suaves, mentres que cara a oriente a liña de costa presenta un maior número de illotes, cabos e penínsulas. Dentro desta unidade costeira as rías de Viveiro e O Barqueiro son de formación incerta pero con intervención da tectónica e da litoloxía granítico-xistosa. Unha segunda unidade está nos vales dos ríos Sor e Landro: o primeiro deles é un estreito val polo que o río Sor discorre moi encaixado entre as serras de Curiscada (O Vicedo) e Faladoira (Mañón), ata a súa desembocadura na ría do Barqueiro. O val do Landro, pola súa parte, ten unha maior anchura na súa parte central ata que preto da capital comarcal volve estreitarse para desembocar na ría de Viveiro. Na formación destes dous vales tiveron moita importancia tanto a tectónica como a acción fluvial que, no caso do Sor, logrou labrar profundos vales, aínda que no caso do Landro, a actividade sedimentaria foi máis importante. Finalmente, a terceira unidade é a orla montañosa que separa a comarca do resto do territorio. Esta serie de unidades montañosas están formadas polas serras de Buio-Montes dos Cabaleiros, de material granítico e cuarcítico, que culminan no Pau da Vella (Xove), a 703 m, e a serra do Xistral, de litoloxía granítica, con alturas importantes (Fontelamoso, 937 m, e pena Carballosa, 734 m, ambas no concello de Ourol). Esta orla montañosa está tamén moi afectada pola intensa fracturación á que se adaptaron os principais cursos fluviais. O clima é océanico húmido, afectado pola circulación do O. Non obstante, a serra do Xistral ao S da comarca exerce de pantalla pluviométrica, freando o paso das masas húmidas do S, aínda que as procedentes do NO si penetran, favorecidas pola apertura cara ao N da ría de Viveiro. Así, as precipitacións oscilan entre os 800-900 mm na parte máis oriental, ata os 1.000-1.100 mm de Viveiro e o val do Landro e os máis de 1.500 mm nas áreas de montaña. O máximo de precipitacións sitúase no inverno, aínda que o verán non é seco a causa da constante nubosidade de estancamento que impide o déficit hídrico e a aridez estival. As temperaturas medias anuais son moi suaves (ó redor dos 14°C), cun mínimo invernal (9-10°C en Viveiro) e un máximo no verán (19-20°C). Estas temperaturas son máis baixas nas áreas de montaña (4-5°C en inverno e 16-17°C no verán), e son frecuentes as xeadas. A oscilación térmica é escasa na costa (9-10°C) e no val do Landro, mentres que na montaña é máis acusada (12-13°C). No que respecta á rede fluvial, o río Landro, que nace nos altos cumios do Xistral, no concello de Muras, penetra no concello de Ourol moi encaixado, onde recibe as augas dos seus tributarios Balsadas, Xestosa e Bestaburiz, para posteriormente abrirse paso no amplo val ao que lle dá nome (tamén coñecido como val do Naseiro), onde recibe o río de Bravos e desemboca xa na ría de Viveiro. O Sor non posúe afluentes de importancia agás o Rego da Serra. Outros pequenos ríos, como o Cobo, o Xunco ou o Rigueira, desembocan directamente no Cantábrico, o primeiro deles embalsado para o abastecemento de auga da planta industrial de Alúmina-Aluminio.
Xeografía humana
A poboación localízase na súa maior parte na costa, especialmente no fondo da ría de Viveiro, onde se concentran case a metade dos efectivos demográficos. Tamén no val do Landro a ocupación é intensa, aínda que menor ca na costa, mentres que na montaña as densidades son moi baixas. Desde 1887 a comarca tivo unha evolución un tanto heteroxénea segundo as distintas etapas e, así, diferéncianse tres: desde finais do s XIX e durante a primeira metade do s XX a poboación mantívose estancada ao redor dos 30.000 h, con etapas de crecemento (1900-1910) e outras de declive (década de 1920). A causa destas flutuacións no crecemento demográfico debeuse á intensa emigración cara a América, sobre todo Cuba e Arxentina, paliada, en parte, polo alto crecemento vexetativo e por certos indicios de desenvolvemento industrial en Viveiro. Así, a poboación pasou dos 30.590 h de 1887 a 28.990 en 1930 e 30.330 en 1950. Desde esta data e ata 1970 o descenso de poboación foi importante ata chegar ao mínimo histórico de 27.022 h. As causas fundamentais desta perda de poboación foron a emigración cara a Europa e cara ás rexións industrializadas españolas (Asturias, Barcelona e Madrid), ademais da incapacidade do principal núcleo urbano, Viveiro, de absorber os excedentes demográficos do medio rural. Desde 1970 entrou nunha última etapa, a de crecemento demográfico, pasando dos 27.022 h a 28.357 en 1981 e 28.192 en 1996. Esta importante recuperación debeuse á instalación da planta industrial Alúmina-Aluminio nos concellos de Cervo e Xove a finais da década de 1970, o que atraeu grandes masas de poboación nova cara aos núcleos urbanos, fundamentalmente Viveiro, pero tamén Xove e Cervo. Ademais, o desenvolvemento das actividades pesqueiras en Celeiro, do comercio na cabeceira viveiresa e o retorno de emigrantes fixeron posible esta recuperación. Nos últimos quince anos a poboación estancouse, tendendo de novo ao descenso a causa do balance negativo entre nacementos e defuncións. Non obstante, non todos os concellos tiveron o mesmo comportamento: desde principios do século pasado ata 1950 todos eles tiveron etapas de crecemento e outras de declive, agás Ourol e O Vicedo, en continuo despoboamento desde principios de século. A partir da década de 1950 o declive demográfico foi xeneralizado a todos os concellos, pero será desde 1970 cando Viveiro e Cervo comecen a medrar de forma considerable, especialmente no que respecta aos principais núcleos urbanos: Viveiro e a súa área urbana, así como as cabeceiras municipais de Cervo, Xove e O Vicedo e certas entidades onde se construíron novas urbanizacións para aloxar os empregados de Alúmina-Aluminio. Viveiro é un centro comercial de primeira orde na costa lucense, ademais de constituír un centro turístico, administrativo e financeiro de grande importancia, co que se creou unha pequena cidade de proxección extracomarcal. Pola súa banda, San Cibrao pasou de ser unha pequena vila mariñeira a presentar características industriais, xa que a menos de 3 km está instalado o complexo industrial Alúmina-Aluminio. Cervo e Xove tamén incrementaron os seus efectivos demográficos nos últimos anos. Existe un maior peso das mulleres na estrutura por sexo da comarca, aínda que o equilibrio é bastante significativo (51% de mulleres) e, en canto ás idades, o índice de avellentamento é bastante considerable, malia que os novos (22,15%) aínda se sitúan por enriba dos anciáns (19,29%) a pesar das grandes diferencias internas, pois son os concellos de Cervo, Xove e Viveiro os máis novos, mentres que O Vicedo e, sobre todo, Ourol, presentan unha elevada porcentaxe de maiores de 65 anos. O crecemento vexetativo é, na actualidade, de signo negativo (-7,31‰), como consecuencia dunha natalidade moi baixa (5‰) e dunha mortalidade elevada (12,38‰).
Xeografía económica
A comarca ten unha estrutura económica dominada por dous sectores fundamentais, os servicios e a industria. Malia que o primario aínda ten peso nos concellos máis rurais (Ourol e O Vicedo) e no de Viveiro (pesca en Celeiro), o peso das actividades non agrarias é moi forte na economía comarcal. As actividades agropecuarias (12,4% da poboación activa) perderon peso, aínda que destaca a gandería de aptitude cárnica nas montañas do Buio e O Xistral nos concellos de Ourol, O Vicedo e Xove, principalmente, mentres que a agricultura de horta é importante no val do Landro, que abastece o mercado urbano de Viveiro. A gandería vacúa de leite non é excesivamente relevante na comarca. A pesca (12,7% da poboación activa) ten un gran peso no concello de Viveiro, coa máxima representación no porto de Celeiro, o primeiro da provincia en facturación e o segundo, tralo de Burela, en mercadoría descargada. Celeiro está especializado en especies como a merluza e o bonito, con buques que faenan en alta mar. En San Cibrao tamén existe un pequeno porto dedicado máis aos crustáceos e moluscos, o que tamén trae importantes ingresos. A industria, que emprega ao 26,8% dos activos, ten a súa máxima representación na planta industrial de Alúmina-Aluminio, especialmente nos concellos de Cervo e Xove. Outros sectores de importancia na economía industrial da comarca son a cerámica, destacando a afamada fábrica de Sargadelos; a industria madeireira con serradoiros, as fábricas de mobles, a industria metalúrxica (carpintería metálica) e as actividades vencelladas á pesca, como os estaleiros ou as conserveiras, con grandes firmas de ámbito estatal (Conservas Albo, Conservas Antonio Alonso), situadas no porto de Celeiro. A minería dá emprego a un centenar de persoas, destacando as plantas de extracción de áridos en Xove e de caolín en Cervo. Funcionan desde mediados da década de 1990 varios parques eólicos na serra da Curiscada en Viveiro e O Vicedo. A construción (7,8% dos activos) non ocupa unha alta porcentaxe de activos, non obstante amosa un gran dinamismo en Viveiro e Xove. O sector máis importante é o terciario (40,3% dos activos), claramente representado na cabeceira comarcal, Viveiro, e tamén en San Cibrao. O comercio tradicional adquire en Viveiro a súa máxima expresión nas rúas da parte antiga, fronte ás novas cadeas e grandes superficies da periferia urbana, así como empresas de comercio maiorista. Por outra parte, os servicios públicos adquiren importancia nesta vila co a sede do xulgado e con dous centros de ensino secundario. Viveiro tamén é un importante centro financeiro a escala comarcal, así como unha área turística de importancia cun abondoso número de hoteis, restaurantes e cámpings. Finalmente, os transportes están en certa medida desenvolvidos coa presenza de varias empresas de transporte de mercadorías. A taxa xeral de actividade ascende a 36,7%, moi baixa respecto á galega (60%), a causa da escasa actividade feminina (22,1%). O paro acada valores bastante elevados (17,1%), máis aínda entre as mulleres (24,9%), ca entre os homes (13,2%). As vías de comunicación máis salientables da comarca son as estradas N-642, que parte de San Cibrao cara á comarca da Mariña Central, a C-642, desde esta vila ata Ferrol, e a C-640, Viveiro-Vilalba. O ferrocarril FEVE (Ferrol-Gijón) entra na comarca pola parte occidental e sae cara á Mariña Central, pasando por Viveiro e San Cibrao.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos localizados nesta comarca pertencen á cultura megalítica. A continuidade do poboamento no período castrexo foi testemuñada pola abundancia de asentamentos, e o mesmo sucedeu durante a romanización, cando, segundo as Táboas de Claudio Ptolomeo, se asentaron poboacións como a de Flavia Lambris. A presenza de elementos suevos no territorio quedou demostrada na toponimia: Xerdiz, Besteburiz, Rexulfe, Riquián e Izá. As escasas referencias da presenza dos musulmáns permiten supoñer unha breve ocupación durante a Alta Idade Media, apoiada pola presencia, desde o s XI, de mosteiros vinculados a diversas ordes relixiosas e militares. As fontes documentais establecen a orixe da vila de Viveiro a finais do s XII ou comezos do s XIII, mentres que as primeiras noticias de Cervo apareceron na carta de poboación de Rúa (s XIII). A maior parte das terras da comarca formaron parte da sede mindoniense durante a Idade Media, malia que Viveiro loitou por conservar a súa independencia baixo a xurisdición real, enfrontándose cos bispos de Mondoñedo. En 1346 acadou de Afonso IX a categoría de vila de reguengo, confirmada polo Reis Católicos en 1476. O seu señorío foi exercido por Fernán Pérez de Andrade, Gómez Pérez das Mariñas e Afonso Pérez de Viveiro, entre outros. No s XVI a comarca quedou integrada na provincia de Mondoñedo e deuse un importante desenvolvemento comercial vencellado á exportación de madeira e viño, centrado na vila de Viveiro. Tras unha curta crise, a recuperación do s XVIII debeuse fundamenalmente ao desenvolvemento da industria textil e a un incremento na produción de cereais. A instalación a finais do s XVIII da Real Fábrica de Fundición e Louza (Cervo), confirmada por Real Cédula de Carlos IV (1791), marcou o desenvolvemento económico da comarca. A fábrica, fundada por Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, contou orixinalmente cunha fundición de ferro que traballaba co material que se extraía en Reinante (Barreiros) e noutras minas do interior da provincia. A comezos do s XIX ampliaron as súas actividades á fabricación de louza e vidro. A proclamación da Constitución de 1812 levou á substitución dos señoríos pola administración municipal entre 1820 e 1823. Trala derrogación en 1823 da Constitución de Cádiz, restaurouse o réxime señorial ata 1835, cando se recuperou definitivamente o municipalismo. En 1994 o concello de Cervo sufriu a escisión de Burela. A partir do s XIX Viveiro entrou en decadencia polo traslado da capitalidade provincial a Lugo (1834), a redución dos intercambios comerciais con Europa e o cegamento do antigo porto a causa dos sedimentos fluviais.
Patrimonio cultural
As mostras máis antigas do patrimonio cultural corresponden aos conxuntos megalíticos localizados na comarca, como a mámoa de Ambosores en Ourol. Das pegadas que deixou a cultura castrexa destacan os castros de Condomiñas, Loureiro e Chao de Garita, en Viveiro. Na arquitectura relixiosa destacan as capelas das Angustias de Río Barba (O Vicedo), San Cibrao (Cervo), San Pedro Fiz de Ceranzos (Xove); as igrexas parroquiais de San Pedro de Miñotos (Ourol), San Pedro de Viveiro (Viveiro), declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1974, San Pedro de Xuances (Xove), Santa Eulalia de Lago (Xove), Santa María de Cervo, (Cervo), Santa María de Lieiro (Cervo) e Santiago de Viveiro (Viveiro). Da arquitectura monástica destacan San Francisco de Viveiro, declarado BIC en 1975, e Nosa Señora de Valdeflores (BIC, 1980), tamén en Viveiro. En arquitectura civil sobresaen os restos da muralla medieval de Viveiro, que conserva tres das súas portas; neste conxunto intégranse a casa do Concello e o Teatro Pastor Díaz. O complexo siderúrxico e cerámico de Sargadelos (Cervo), formado pola Real Fábrica de Cerámica, o pazo de Ibáñez, a casa da administración e o Paseo dos Namorados, foi declarado BIC en 1972. Outras obras relevantes da arquitectura civil son a Casa Habanera (Ourol), obra de comezos do s XIX, a ponte sobre o río Barba (O Vicedo) e a ponte da Misericordia de Viveiro. Dos pazos da comarca sobresaen os de Grallal (Viveiro) e Pedrosa (Cervo). Das fes que se celebran destacan a da Maruxaira en Cervo, as da romaxe do Bo Xantar e a Rapa das Bestas en Viveiro e a de Corpus Christi en Ourol.