Marshall, illas
Estado do Pacífico occidental formado por un grupo de illas ao L das illas Carolinas e ao NO das Gilbert (181,3 km2; 53.000 h [estim 2001]). A súa capital é Dalap-Uliga-Darrit, situada no atol de Majuro (33.000 h [2001]).
Xeografía
Comprenden un total de 1.152 illas agrupadas en 34 atois e 870 arrecifes. Está formado por dúas cadeas coralinas: Ratak, ao L, e Ralik, ao O. Ao NL encóntranse os atois de Mili, Majuro, Maloelap, Wotje e Likiep. No SO están Jaluit, Kwajalein, Rongelap, Bikini e Enewetak, entre outros. O clima é caloroso e chuvioso aínda que as illas do N, reciben menos choiva ca os atois situados ao S. Todo o seu territorio está baixo a influencia dos tifóns do Pacífico. As principais actividades econó micas son a pesca e a exportación de copra.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Os marshalleses representan a etnia maioritaria (97%), fronte aos filipinos (0,5%) e outros grupos (2,5%). O inglés e o marshallés son as linguas oficiais. A relixión protestante é seguida por un 61,5% da poboación, aínda que tamén se practica o catolicismo (7,7%) e outras relixións (30,8%).
Desenvolvemento humano
A esperanza de vida ao nacer é de 64 anos para os homes e de 67 para as mulleres, e o PNB por habitante é de 1.950 $ EE UU.
Goberno e política
Segundo a Constitución do 1 de maio de 1979, estableceuse un sistema de goberno parlamentario en libre asociación con EE UU. O poder lexislativo reside na Nitijela (Asemblea) integrada por 33 membros elixidos por votación popular para un período de catro anos. Entre os seus membros elíxese o presidente. O sistema xudicial baséase na adaptación das leis consuetudinarias e conta cunha Supreme Court e xulgados de distrito. Tradicionalmente non existiron partidos políticos organizados formalmente, aínda que si contaban con grupos ou plataformas que formaron forzas políticas como o Ralik Ratak Democratic Party, United Democratic Party (UDP) e o Our Islands Party (OIP). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Comunidade do Pacífico (PC) e ONU.
Historia
Desde 1947 está sometida á administración fiduciaria de EE UU, con que asinou en 1982 un pacto polo que adquirían o estatuto de libre asociación. En 1990 a ONU puxo termo á tutela de EE UU e, ao ano seguinte, ingresaron na ONU. O presidente Amata Kabua, elixido en 1979, mantívose no poder como xefe do Estado e do goberno en sucesivas eleccións ata a súa morte en decembro de 1996. Desde xaneiro de 1997 a presidencia recaeu nas mans de Iroijlaplap Imata Kabua. Nas eleccións lexislativas de novembro de 1999 o partido opositor United Democratic Party (UDP) acadou a maioría e Kessai Hessa Note foi elixido presidente en xaneiro de 2000. A política exterior e de defensa permaneceu condicionada pola súa relación con EE UU. Foi renovado no seu cargo nas eleccións de 2003.