Marte

Marte
[ASTRON]

Cuarto planeta do sistema solar, segundo a súa proximidade ao Sol. Ten un diámetro de 6.790 km, pesa 6.421  1023kg, e a súa órbita é moi excéntrica. A distancia do planeta ao Sol é de 228 millóns de km, e a súa distancia coa Terra oscila entre os 400 millóns de km, na conxunción do planeta, e os 56 millóns, en caso de que o planeta siga en oposición e se atope no perihelio. Marte ten estacións similares ás da Terra, pero son máis longas, porque un ano marciano dura 687 días; así mesmo, o día marciano ten unha duración de 24,6 horas. A composición da súa atmosfera, coñecida tras aterrar o Mars Pathfinder (1997), é de dióxido de carbono (95,32%), nitróxeno (2,7%), e outros elementos. A superficie do planeta presenta diversos tipos de formacións permanentes, entre as que as máis fáciles de observar son dúas grandes manchas brancas situadas nas rexións polares, como un tipo de casquete polar. Os instrumentos de medida dos Viking 1 e 2 (1976) confirmaron que a parte central do casquete polar nórdico é de xeo de auga, mentres que o casquete do polo sur semella ser de xeo carbónico. A superficie de Marte presenta tamén unhas rexións denominadas desertos, que ocupan as tres cuartas partes da superficie do planeta e que lle dan a coloración vermella característica. As formacións da superficie que provocaron máis controversia son os canais. En 1908, P. Lowell afirmou que a rede de canais de Marte fora construída por hipotéticos enxeñeiros marcianos para transportar auga. Pero cos datos obtidos grazas ás sondas espaciais de exploración como as Mariner, Mars e Viking, quedou demostrado que non había ningún accidente superficial que correspondera á rede de canais de Lowell. A superficie de Marte presenta tamén, segundo as fotografías transmitidas polas sondas Mariner, impactos circulares de meteoritos (cráteres), moi similares aos existentes na Lúa, pero máis erosionados. Tamén se observaron cráteres de orixe volcánica de aspecto similar ás caldeiras volcánicas da Terra, pero de dimensións moito máis grandes, algúns con cráteres de 500 km de diámetro, sendo o monte Olimpus a maior montaña de todo o sistema solar (24 km de altura); tamén existe un sistema de canóns, Valles Marineris, con máis de 4.000 km de lonxitude. Outro tipo de formacións da superficie de Marte, son unhas rexións moi extensas e escuras, denominadas mares, pero que non son de auga. Marte posúe dou satélites naturais, Fobos e Deimos. En 2004 os vehículos da NASA Spirit e Opportunity atoparon probas da existencia de auga no planeta e da antiga presenza de mares.

Refráns

  • Cada martes ten a súa semana.
  • En martes con merda te fartes.
  • En martes non cortes nin plantes.
  • En martes non te embarques.

Palabras veciñas

martagón | martaraña | Martázul | Marte | Marte | Martel | Martel San Gil, Manuel