Martin Moxa
Trobador, probablemente crego de orixe aragonesa. Estivo activo durante o reinado de Afonso X na década de 1270-1280. Consérvanse da súa autoría doce cantigas de amor, unha delas fragmentaria, cinco cantigas morais, un escarnio persoal e un escarnio político, composicións recollidas no Cancioneiro da Ajuda, no Cancioneiro da Biblioteca Nacional e no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Ao longo de toda a súa obra proclamou a exaltación dos valores da clerecía fronte ao mundo laico. As súas cantigas de amor desenvolven todos os tópicos da lírica occitana e o motivo que presenta a un crego como portador dos máis altos valores espirituais e sociais. Está considerado como un dos mellores cultivadores do sirventés moral, o que reflicte a súa inspiración provenzal e o seu gusto por temas como o Anticristo, o mundo as avessas ou a decadencia trobadoresca. Entre as súas composicións destacan “Atanto querria saber”, “Per quant’ eu vejo” e “Quen viu o mundo qual o eu ja vi”.