Martínez de Cala y Xarana, Antonio

Martínez de Cala y Xarana, Antonio

Humanista e gramático. Coñecido como Elio Antonio de Nebrija [Lebrija], a súa curiosidade científica abrangueu, ademais da filoloxía e da gramática, campos tan diversos como a historia, a literatura, a arqueoloxía, a cosmografía, a botánica, a filosofía e a teoloxía. Intentou restaurar o estudo e o uso do latín e, estudiando comparativamente a lingua latina e a castelá, chegou a argumentar algunhas distincións que, co tempo, habían ser fundamentais na ciencia da lingüística. Despois de estar un tempo en Sevilla (1470-1473), ao servizo do arcebispo Fonseca, marchou a Salamanca (1476-1486) como profesor de gramática e retórica. Alí foi onde iniciou a súa produción literaria e publicou Introdutiones in latinam grammaticam, per eundem recognitae atque exactissime correctae glossematis cum antiquo exemplari collatis (1481), en latín vulgar e logo en castelán. Posteriormente, publicou Repitio Secunda quam fecit anno christianae salutis MCCCCLXXXVI de corruptis hispanorum ignorantia quarumdam litterarum vocibus (1490). Trasladouse a Extremadura onde escribiu Vocabularium, constituído por dous dicionarios hispano-latinos que comprenden máis de 50.000 palabras, Gramática de la lengua castellana (1492), a primeira escrita en lingua vulgar, e Muestras de la historia de las antigüedades de España (1499). En 1502, a instancias de Francisco Jiménez de Cisneros, interveu como latinista na Biblia Políglota Complutense, pero as súas diferencias cos teólogos sobre a fixación textual, fixo que abandonase ese proxecto. En 1505 regresou á universidade salmantina e escribiu Rerum a Ferdinando et elisabe Hispaniarum felicissimis regibus gestarum decadas duas. Despois Cisneros concedeulle a cátedra de retórica na Universidad Complutense, en Alcalá de Henares, onde estivo ata a súa morte. Corresponden á última etapa da súa vida Artis rhetoricae compendiosa coaptatio ex Aristotele, Cicerone et Quintiliano, Antonio Nebrissensi concinnotore (1515) e Reglas de ortografía castellana (1517). Tamén destacan as edicións e comentarios dos Evanxeos, das epístolas de san Paulo, homilías e haxiografías.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lebrija

  • Deceso

    Lugar : Alcalá de Henares