Martínez de Castro, Ovidio
Pintor, fillo de Manuel Martínez Murguía e Rosalía de Castro. Coñecido como Ovidio Murguía, integrouse na chamada Xeración Doente. Formouse na Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago desde 1887, onde tivo como mestre a J. M. Fenollera. Autorretratouse en Tarde de invierno en el Sarela e as súas primeiras obras caracterizáronse polo emprego dunha variada e brillante gama cromática, da que destaca Feria de Santa Susana (1982?). En 1895 trasladouse coa súa familia á Coruña, onde estableceu o seu primeiro estudo e onde se deu a coñecer expoñendo nos escaparates dos comercios. En 1897 viaxou a Madrid para ampliar a súa formación e instalouse na casa do seu amigo Alejandro Pérez Lugín, quen lle facilitaría o contacto coa elite intelectual e política do momento. Dedicouse fundamentalmente á temática paisaxista (Sierra de Guadarrama) e costumista (Campesina lavando, 1895). As súas visitas aos exteriores madrileños combináronse coas visitas ao Museo del Prado e coas clases no Círculo de Bellas Artes. Baixo a protección de Montero Ríos, conseguiu un traballo no Ministerio de Ultramar e o encargo de varias obras para o pazo de Lourizán (Ría de Vigo, Ría de Pontevedra, Riberas verdes e Puente de los franceses) a onde se trasladou en 1898. Ese mesmo ano regresou a Madrid e alí notou os primeiros síntomas de tuberculose, que serían a causa da súa morte un ano despois. De regreso á súa casa familiar na Coruña, realizou a súa derradeira pintura, Cabeza de monje (1899). Ten obra no Museo Provincial de Belas Artes da Coruña, no Museo Provincial de Pontevedra e no pazo de Mariñán, entre outras coleccións.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Dodro -
Deceso
Lugar : A Coruña