Martínez Murguía, Manuel Antonio

Martínez Murguía, Manuel Antonio

Historiador e escritor. Considerado como un dos máis destacados historiadores e ideólogos do galeguismo do s XIX en Galicia, a súa obra tivo unha gran transcendencia na formación dos intelectuais e políticos galegos do s XX. Estudiou o bacharelato en Santiago de Compostela, onde frecuentou o Liceo de la Juventud, e en Ourense. En 1851, seguindo os desexos do seu pai, comezou os estudios de medicina e farmacia, que posteriormente abandonou, e trasladouse a Madrid. Na capital comezou a súa colaboración con diversas publicacións periódicas, como La Iberia e Las Novedades. Nesa época iniciaba tamén a súa faceta como escritor e publicaba, entre outras obras, os contos Luisa (1852) e Un can-can de Mussard (1853); as novelas Desde el cielo (1854), El regalo de boda (1855) e Don Diego Gelmírez (1859); os libros de viaxes Viaje pintoresco por la ría de Vigo (1855) e El castillo de Bayona de Galicia (1856), e unha ducia de poemas entre os que destaca “A nena das soidades”, o primeiro que escribiu en galego e que se incluíu no Álbum de la Caridad (1861) dos Xogos Florais celebrados na Coruña. En 1856, en Galicia, participa no célebre Banquete de Conxo, organizado por Aurelio Aguirre, e onde se fala de progresismo nun ambiente republicano. En 1857, desde Madrid, comeza a súa relación cos periódicos galegos e envía ao xornal vigués La Oliva unha serie de páxinas culturais que levaban por título “Floresta científica y literaria”, en que se recollían algúns textos de autores galegos da época e outros antigos descoñecidos, onde Murguía desenvolve algunhas das súas liñas reivindicativas a prol da lingua e literatura galegas. Son frecuentes as referencias a Ossián, Walter Scott e ás literaturas do norte de Europa, un exemplo para Galicia e coas que, segundo Murguía, a literatura galega tiña moitos puntos de contacto. De novo en Galicia, en 1858 comezou a traballar en Diario de La Coruña, en 1862 en La Oliva e despois en El Miño. Regresou a Madrid e colaborou en El Contemporáneo e El Museo Universal. O 10 de outubro de 1858 casou con Rosalía de Castro, coa que tivo sete fillos. En 1862 tirou do prelo o Dicionario de escritores gallegos, unha obra inacabada na que incluíu biografías de escritores, bibliografía, unha antoloxía de obras de escritores galegos e un estudo sobre a imprenta en Galicia. En 1865, e grazas á axuda das deputacións provinciais galegas, comezou a publicar en Lugo Historia de Galicia (1865-1913), que deixou inacabada, e na que se integraban materiais cos que viña traballando desde 1850. Nesta obra, básica para o establecemento dos principios ideolóxicos do nacionalismo, afírmase o feito diferencial galego e mestúrase o elemento cultural co racial ou biolóxico, profundizando no mito da orixe celta de Galicia. Coa Revolución de 1868 Murguía accede á secretaría da Xunta Revolucionaria de Santiago e é nomeado xefe do Archivo de Simancas (1868-1870), ata que se traslada ao Arquivo Xeral de Galicia. Cesado en 1875, non volveu ocupar unha praza de arquiveiro ata 1892, ano en que ingresa na biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, e 1894, en que se traslada ao arquivo da delegación de Facenda da Coruña. Nas etapas en que non puido traballar como bibliotecario dedicouse novamente ao xornalismo e á crítica literaria. Foi director literario de La Ilustración Gallega y Asturiana (1879-1881) e escribiu El foro, sus orígenes, su historia, sus condiciones (1882) e El arte en Santiago en el siglo XVIII (1894). En 1885, ano en que morre Rosalía, é nomeado cronista xeral do Reino de Galicia e comezan as súas colaboracións nunha destacada publicación da época, a revista Galicia; ademais inaugurou a colección da Biblioteca Gallega de X. Fernández Latorre e A. Martínez Salazar coa súa obra Los precursores. As súas ideas históricas e políticas, fundamentais na reclamación dos dereitos da nación galega, expresounas en Galicia (1888) e en El regionalismo gallego (1889), en que demandou o dereito de autogoberno. En 1890, durante a súa estadía en Catalunya, pronunciou un discurso diante dos membros da Lliga Regionalista que provocou unha enorme satisfacción entre as forzas rexionalistas; ; ademais, aproveitou a súa estadía en Barcelona para participar nos Jocs Florals, nos que foi nomeado “mestre en gai saber”. Nese mesmo ano impulsou a creación da Asociación Rexionalista Galega (1890-1894), que presidiu, e dirixiu o seu voceiro La Patria Gallega (1892). En 1894 trasladouse á Coruña, onde participou na formación da organización rexionalista Liga Galega (1897-1907); ademais, foi un dos impulsores do parladoiro da Cova Céltica e da Revista Gallega. Nestes anos publicou o libro de poemas En prosa (1895), Lugo, su antigüidad y sus monumentos (1898) e Los trovadores gallegos (1905). En 1904, no artigo “Necesidad de la formación de un dicionario de la lengua gallega”, defendeu a necesidade de crear unha academia da lingua que elaborase un dicionario e unha gramática. Deste xeito, o 4 de setembro de 1905 fundouse a Real Academia Galega, da que foi o primeiro presidente, cargo que ocupou ata 1922. Os seus últimos artigos publicounos no Boletín de la Real Academia Gallega, ao tempo que continou coas colaboracións en Diario de Pontevedra, Acción Gallega, A Nosa Terra ou A Aurora do Lima. En 2000 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Oseiro, Arteixo

  • Deceso

    Lugar : A Coruña