Martínez-Risco Agüero, Vicente
Escritor e político. Coñecido como Vicente Risco, foi un dos principais intelectuais e políticos galeguistas do s XX. Fillo de Antonia Agüero Álvarez e de Antonio Martínez--Risco, avogado e funcionario de Facenda, os seus primeiros anos transcorreron na rúa da Paz, en Ourense, onde tamén viviron R. Otero Pedrayo, a quen coñeceu xa desde neno, e Florentino López-Alonso Cuevillas. Rematou o bacharelato en 1899 no Centro Provincial de Instrución e obtivo a licenciatura en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1906. Posteriormente ingresou na delegación de Facenda da súa cidade natal e comezou a desenvolver o seu traballo artístico e intelectual, tal e como reflicten as súas primeiras colaboracións en El Miño (1910), que asinaba cos pseudónimos de Rujú Sahib e Polichinela, e onde seguía o estilo xornalístico de Eugenio D Ors. A partir de 1911 pasou a colaborar en Mi Tierra, onde escribiu diversos artigos sobre literatura galega. En 1913 marchou excedente a Madrid e alí matriculouse na Escuela Superior de Magisterio, ata que en 1916 regresou novamente a Ourense para ocupar a cátedra de Historia da Escola Normal. Ao longo deses anos, desde a súa licenciatura ata o seu regreso de Madrid, estableceu contacto con algúns dos principais intelectuais do momento; é o caso do catedrático Marcelo Macías, quen formara o parladoiro da Comisión de Monumentos de Ourense e ao que asistiu Risco; Primitivo R. Sanjurjo, de quen recibiu os primeiros coñecementos sobre os autores máis destacados da vangarda cultural europea (Baudelaire, Rimbaud, Ibsen ou Nietzsche), e con quen desenvolveu o seu gusto polo esoterismo e a filosofía oriental en base ás súas investigacións sobre o hinduísmo e o budismo; Ramón Gómez de la Serna, a quen coñeceu no parladoiro do café Pombo, que se desenvolvía na capital madrileña; e Luis de Hoyos, o seu profesor, con quen comezou o seu interese pola etnografía. Durante a súa estadía en Madrid pronunciou unha conferencia no Ateneo sobre Rabindranath Tagore, a quen lle fora concedido o Premio Nobel de Literatura en 1913. As iniciativas culturais de Risco reflíctense na fundación, xunto co avogado ourensán Arturo Noguerol, da revista literaria La Centuria (1917), xerme do futuro grupo Nós, e onde tamén participaron Florentino L. Cuevillas, R. Otero Pedrayo, Primitivo R. Sanjurjo e Xavier Bóveda. A definitiva irrupción de Risco na política galeguista veu da man do catedrático Antón Losada Diéguez, membro das Irmandades da Fala e un dos principais mobilizadores da intelectualidade da época. A participación de Risco na campaña a prol de Lois Porteiro Garea, representante das Irmandades, que naquelas eleccións se aliaran cos mauristas, e a publicación en A Nosa Terra da Teoría do nazonalismo galego (1918) supuxeron a súa autoafirmación como teórico do movemento político nacionalista que se estaba a xerar naqueles anos, e coa que comezaba a etapa máis fecunda da súa vida. Fundamentáronse tamén neses anos as ideas en que se basea o seu particular historicismo, alicerzado nas culturas hinduísta e budista e influído polas teorías de Nietzsche e Spengler. De feito, Risco observou un rexurdir do espírito atlántico e celta, que estaba á marxe da decadente cultura grecolatina, e que encarnaba o verdadeiro sentir do pobo galego. Dese xeito, reflectiu nos seus escritos as afirmacións de que “Galicia é xa unha nación” e “ser diferente é ser eisistente”, en clara alusión á identidade galega, posuidora dunha lingua, dunha tradición, dunha historia e duns costumes propios, que a singularizaban con respecto ao resto dos pobos de España. Parte da súa ideoloxía aparece esbozada na primeiro programa nacionalista de Galicia, redactado trala celebración da I Asemblea Nacionalista que se celebrou en Lugo en 1918. Presidente da Irmandade da Fala de Ourense e membro do Directorio das Irmandades, foi elixido membro do Consello Permanente en 1921. Precisamente, Vicente Risco foi un dos principais protagonistas da ruptura acontecida trala IV asemblea que se celebrou en Monforte de Lemos en 1922. O interese de Risco por darlle máis poder aos grupos menores, en detrimento da Irmandade coruñesa, fixo que esta e outras irmandades menores decidisen formar unha estrutura independente. Trala polémica asemblea, Vicente Risco foi elixido conselleiro supremo ata a desaparición da Irmandade, en 1924, por mor da Ditadura de Primo de Rivera. En 1920 cofundou con Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas a revista Nós, da que foi director e o principal redactor. Posteriormente, participou tamén na creación do Seminario de Estudos Galegos (1923), colaborou na elaboración da Geografía General del Reino de Galicia, e encargouse de dirixir a sección de Etnografía e Folclore participando no volume colectivo de prospección antropolóxica Terra de Melide (1933). Coa Ditadura de Primo de Rivera abortouse o proxecto de crear un partido nacionalista sólido, pero na VI Asamblea das Irmandades, celebrada na Coruña en 1930, Risco pronunciouse a prol da conversión destas nun partido nacionalista, aínda que os seus intentos non frutificaron inmediatamente. Aproveitou esta paréntese política para visitar Alemaña, onde estudiou etnografía, e viaxou a diversos países centroeuropeos, onde puido observar a loita ideolóxica e política que se estaba a producir, particularmente co nazismo e co comunismo. Unha vez proclamada a República fundou con Otero Pedrayo o Partido Nazionalista Republicán, co que se presentou ás eleccións de 1931, aínda que non acadou acta de deputado. Malia o resultado, en breve Risco obtivo o que tanto ansiaba, a constitución do Partido Galeguista nunha asemblea que tivo lugar en Pontevedra en decembro de 1931, á que non acudiu e na que pasou a formar parte do seu Consello Executivo. Co tempo foi variando a súa ideoloxía e orientou as súas posicións políticas cara á dereita, fundamentándose na súa renovada relixiosidade cristiá, en oposición ao marxismo imperante en moitos partidos de esquerdas da época. En 1933 publicou na revista Nós o ensaio “Nós, os inadaptados”, verdadeiro manifesto de rebeldía dos intelectuais que compoñían o cenáculo ourensán e onde expuxo a súa visión cíclica e espiritual da historia.En 1934 publicou Mitteleuropa, impresiós dunha viaxe, onde analizou a súa estadía en Alemaña. De volta á política, o seu afastamento do Partido Galeguista e dos principios que defendeu -fundamentalmente a consecución do Estatuto de Autonomía para Galicia- tiveron a súa corroboración na asemblea de 1935, á que tampouco asistiu. Coa sublevación militar de 1936 desapareceron practicamente as posturas nacionalistas que defendera anos atrás e comezou a súa aliñación coa ideoloxía do novo réxime, tal e como se reflicte en moitos dos seus artigos publicados na revista católica Misión. No apartado creativo en galego, cómpre distinguir, por unha banda, as súas colaboracións en publicacións de renome da época, como Céltiga, Galicia, Heraldo de Galicia, Logos, La Noche, Nós, A Nosa Terra, Posío, arte y letras, El Pueblo Gallego, Rexurdimento, Terra e La Zarpa; e pola outra, o labor investigador seu no eido etnográfico, que o levou a estudar as festas populares e as lendas e literatura de tradición oral, ademais das súas creacións en prosa ficional e a súa breve incursión no eido dramático. Da súa produción sobre etnografía destacan Da mitoloxía popular: os mouros encantados (1927), O Castro Caldelas (1927), Ensaio dun programa pró estudo da literatura popular galega (1928), Elementos de metodología de la Historia (1928) e Notas sobre las fiestas del Carnaval en Galicia (1948). En canto á prosa de fición, fundamentalmente didáctica e vinculada ao seu pensamento ideolóxico-político, cómpre sinalar a aparición en 1919 no suplemento “Terra a Nosa” de El Noroeste o seu primeiro relato, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros. Posteriormente, publicou na colección Lar O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925) e A coutada (1926). As súas obras máis destacadas, Os europeos en Abrantes (1927) e O porco de pé (1928), representan unha sátira da burguesía ourensá da época. En 1961 tirouse do prelo Leria, unha recompilación organizada por Francisco F. del Riego das prosas de V. Risco elaboradas entre 1920 e 1955, algunhas delas traducidas do castelán, e que representan a fecundidade creadora do escritor ourensán. Como autor dramático é autor dunha única peza, O Bufón d’El Rei (1928), cunha clara filiación simbolista. Na súa contribución ao campo teatral hai que destacar o traballo de divulgación que realizou desde as páxinas de A Nosa Terra e Nós, onde analizou a literatura dramática galega da época e presentou os membros máis destacados do Movemento Dramático Angloirlandés, como Yeats, Synge ou O’ Casey. No eido da tradución, realizou a adaptación ao galego de La familia de Pascual Duarte (1962), de Camilo J. Cela. En prosa castelá, ademais dos libros xa citados, destacan Historia de los judíos desde la destrución del Templo (1944), Satanás, historia del diablo (1947), La puerta de paja (1952), finalista do Premio Nadal; La historia de Oriente contada con sencillez (1955), El Orense perdurable (1960) e Libro de las Horas (1961). Postumamente, editouse Orden y caos (1968) e os manuscritos localizados de Las Tinieblas de Occidente (1990). Foi membro da Real Academia Galega desde 1929, onde ingresou logo de ler o traballo titulado “Un caso de lycantropía (o home lobo)”, realizado a partir do caso do lobishome Manuel Blanco Romasanta. Recibiu o Premio Galicia (1962), outorgado polo Centro Galego de Madrid, e a medalla de Afonso X, custeada polo Centro Galego de Barcelona (1963). En 1981 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso