Martinica
Illa do mar das Antillas, en Pequenas Antillas, que constitúe un departamento francés de ultramar, cun estatuto de colectividade territorial desde 1982 (1.128 km2; 387.000 h [estim 2001]). O relevo é volcánico, moi accidentado e con actividade moderna. O clima é tropical e a vexetación vai desde os bosques húmidos tropicais ata a sabana. A agricultura baséase na cana de azucre, plátanos, ananás e mandioca. Posúe industrias azucreiras, de destilación, de conservas de froitas e tamén explotación forestal e pesqueira, pero o turismo é a principal actividade económica. A capital e principal centro de comunicacións é Fort-de-France. Habitada por indios caribes, foi descuberta por Cristovo Colón (1502) e colonizada pola Compañía Francesa das Indias de América. O tráfico de escravos e o cultivo de cana de azucre e de café outorgáronlle unha notable prosperidade e durante a Revolución Francesa acadou unha certa autonomía, mentres que a poboación negra se sublevou en diversas ocasións despois da abolición da escravitude. A partir de 1960 producíronse diversos incidentes laborais e independentistas. En 1982 obtiveron do goberno francés un réxime de autonomía rexional.