Maside Medina, Xulio

Maside Medina, Xulio

Pintor, sobriño de Carlos Maside. Aínda que cursou medicina en Santiago de Compostela, compatibilizou os seus estudios coa formación artística, que completou en Madrid e Barcelona, onde tomou contacto cos exemplos máis característicos da pintura de posguera. Membro da xeración de artistas que tomou o relevo dos Renovadores na década de 1960, cofundou Estampa Popular Gallega e foi membro do grupo Nome. Iniciouse na abstracción pintando paisaxes, para logo evolucionar cara á figuración (Autorretrato, 1972), ausente de calquera elemento accesorio e anecdótico. A súa obra partiu dunha reformulación do tema da muller (Retrato de Chicha, 1971; Retrato de Paula, 1984), pero desde a década de 1960 as figuras humanas, en xeral, foron unha constante na súa obra (Lúa negra, 1977). Empregou tonalidades grises, case veladas, sobre as que trazou as siluetas, que transparentaban o fondo (Paixón a tres, 1984; No espello, 1995). Tamén empregou amarelos, ocres e tonalidades escuras, especialmente desde 1980, cando traballou a colaxe (Silueta na noite, 1980; Medusa, 1995). Cara a 1986 manifestouse expresionista, pero con influencias do cubismo e cun maior e deliberado emprego da cor (Paixón, 1996). Destacan as súas ilustracións para as obras Vento ferido de Carlos Casares, Ao pé de cada hora de Salvador García Bodaño ou Zardigot de Euloxio Rodríguez Ruibal.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo