Matarile Teatro
Compañía teatral creada en Santiago de Compostela en 1986. Os seus fundadores foron Ana González Vallés, actriz, dramaturga e directora; e Baltasar Patiño, escenógrafo, iluminador e director da Sala Galán. Participou en espectáculos que apostaban pola experimentación e a improvisación en festivais como os de Sitges, Edimburgo ou Novi-Sad. Coordinou unha intensa actividade de promoción e distribución de novas formas teatrais e organizou, en Santiago de Compostela, o festival de teatro-danza na rúa En Pé de Pedra. Dos seus espectáculos destacan O cumpreanos da infanta (1986), Hamletmaschine (1989), Café Acústico (1992, Premio Compostela á mellor iluminación e á mellor dirección 1993), Deriva (1993, Premio Compostela á mellor iluminación 1994), Negro e negro (Premio María Casares ao mellor espazo escénico e á mellor iluminación 1998), The Queen is dead (1999, Premio María Casares á mellor dirección 2000) e A brazo partido (2003).