Matisse, Henri
Pintor, debuxante, gravador e escultor francés. Discípulo de Gustave Moreau, inicialmente traballou seguindo un estilo académico, pero pronto cultivou o impresionismo influído por Cézanne. Orientouse despois cara ao neoimpresionismo (Luxe, calme et volupté, 1904) e cultivou o fauvismo (1905-1908), converténdose no seu principal representante (Portrait à la raie verte, 1905). Simplificou o seu estilo, con grandes pinceladas de cor intensa separadas por trazos negros e liñas arabescas, destacando a súa obra Le bonheur de vivre (1906), pero continuou sempre baixo unha heterodoxia, fiel ao fauvismo. Dúas viaxes a Marrocos (1911-1913) e a atracción polo cubismo levárono cara a novas buscas simplificadoras (Le peintre et son modele, 1916). En 1917 iniciou unha etapa naturalista, de cores claras e luminosas e pintou interiores e a serie das odaliscas, das que destaca L’Odalisque au coffret rouge (1926). Desde 1928 retomou a simplificación, con novos cromatismos e máis forza na liña e a cor, como se demostra en La danse (1931-1933). En 1940 pintou La blouse roumaine e posteriormente acentuou a audacia das cores en Grand intérieur rouge (1948). A culminación deste período foi a decoración da Chapelle du Rosaire do convento dominicano de Vence (1950-1951), onde o cromatismo se obtivo polo contraste do branco e negro. Na fin da súa vida practicou técnicas como a colaxe, o debuxo, o gravado e a ilustración, e como escultor investigou co arabesco máis alá do volume (La Serpentine, 1909) evolucionando cara a unha certa abstracción con diferentes versións de Nu de dos (1930). A súa derradeira peza foi o crucifixo de bronce para a capela de Vence. Como teórico publicou o artigo “Notes d’un peintre” (1908).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Cambrésis, Flandres -
Deceso
Lugar : Niza