Mauritania

Mauritania
Nome científico: [nome oficial fr: République Islamique de Mauritanie; ár: al-Ǧumhūrīya al-Islāmīya al-Mūrītānīya]

Estado de África occidental que limita co Sáhara Occidental e Alxeria, ao N, con Mali, ao L e ao S, con Senegal, ao S, e co Océano Atlántico, ao O (1.030.700 km2; 2.614.000 h [estim 2001]). A súa capital é Nouakchott.
Xeografía
Está constituída por unha gran chaira dominada por altiplanos rochosos de pouca altitude e conforma o extremo do sector occidental do Sáhara. A costa é baixa e está rodeada de dunas. O clima é desértico, aínda que cidades como Nouadhibou e Nouakchott reciben a influencia dos ventos mariños. Non conta con correntes fluviais de cursos constantes, e tan só ao S, na liña de fronteira con Senegal, pasa o curso baixo do río Senegal, que dá lugar a unha vexetación de estepa arborizada. No interior a vexetación é espiñosa, mentres que na costa predomina a arbustiva. A maioría da poboación dedícase á agricultura de subsistencia e á gandería. Os principais cultivos son millo miúdo, arroz, millo, pataca doce, cacahuetes e goma arábiga. A principal riqueza do sector primario é a gandería ovina, caprina, bovina e de camelos. Outro importante recurso económico é a pesca, que alimenta unha crecente industria conserveira. A industria é, en xeral, artesanal. A actividade extractiva ten especial relevancia, e o ferro supón a primeira partida das exportacións, seguido de cobre, sal e xeso. Mauritania presenta unha das densidades medias de poboación máis baixas do planeta, mentres que o seu crecemento vexetativo é elevado.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación de Mauritania está composta por un 81,5% de mouros, un 6,8% de wolofs, un 5,3% de pulaar, un 2,8% de soninkes e un 1,1% de fulbes. Os grupos restantes conforman un 2,5% da poboación. A lingua oficial é o árabe (falado pola maioría moura), pero son recoñecidos o pulaar, o wolof, o soninke e o francés. O 99,3% da poboación é musulmana. A Constitución de 1991 prohibiu os partidos relixiosos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúao entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 139º posto cun índice de 0,437). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 53 anos para os homes e 55 para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 40,2% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 40% e o PNB por habitante é de 390 $ EE UU. A educación é gratuíta.
Goberno e política
Antiga colonia francesa, converteuse nunha república independente o 28 de novembro de 1960. A Constitución, aprobada en referendo o 12 de xullo de 1991, estableceu a figura do primeiro ministro. O poder executivo reside no presidente da república, elixido por sufraxio universal para un período de seis anos. O poder lexislativo reside nun Barlamane/Parlement, que conta con dúas cámaras, a Al Jamiya al-Wataniyah/Assemblée Nationale, con 81 deputados elixidos por sufraxio directo para un período de cinco anos; e o Majlis al-Shuyukh/Sénat, formado por 56 membros elixidos indirectamente e que se renovan por tercios cada dous anos. O sistema xudicial baséase na lei islámica (šarīa) e na lei civil francesa, permanece en vigor a pena de morte e conta cunha Cour Supreme e cortes de apelación. As principias forzas políticas son o Parti Républicain Démocratique et Social (PRDS), Rassemblement pour la Démocratie et l’Unité (RDU), Union pour la Démocratie et le Progrès (UDP) e Regroupement des Forces Démocratiques (RFD). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica (OCI), Organización da Unidade Africana (OUA), ONU e   é membro asociado da UE.
Historia

Das orixes á colonización
A poboación orixinal de Mauritania estivo constituída polos mouros, que se aliaron nun primeiro momento cos cartaxineses (ss IV-III a C) para ofrecer posteriormente o seu apoio aos romanos durante as Guerras Púnicas. O Emperador Claudio I organizou o territorio en dúas provincias: Mauretania Caesariensis (L) e Mauretania Tingitana (O). Invadido polos vándalos no s IV, foi reconquistado polos bizantinos no s VI, que o volveron organizar en dúas provincias. Durante este período a poboación indíxena negra foi desprazada cara ao S polos bérberes, e a partir do s XII sufriu unha intensa arabización. A penetración europea iniciouse co establecemento dos portugueses en cabo Branco (1448). A finais do s XVIII Francia someteu a Confederación de Trarza, administrou o territorio (1904) e en 1920 converteuno en colonia. En 1958 acadou a autonomía interna e Motkar Ould Daddah foi elixido presidente trala proclamación da independencia (1960).
Os primeiros gobernos da independencia e a normalización das relacións internacionais
A inestabilidade interna, provocada pola resistencia da poboación negra do S á islamización e aos intentos anexionistas de Marrocos, favoreceu a instauración dun réxime ditatorial de partido único encabezado por Moktar Ould Daddah. Tralos Acuerdos de Madrid (1975) Mauritania ocupouse da administración do S do Sáhara Occidental, polo que mantivo enfrontamentos co Frente Polisario. En 1979 renunciou á súa parte do Sáhara Occidental, firmou a paz co Polisario e restableceu as relacións diplomáticas con Alxeria, interrompidas desde 1976. En 1978 un golpe de estado militar depuxo a Daddah.
O goberno de Maawiya Ould Sid’Ahmed Taya
Un novo golpe de estado en 1984 estableceu á fronte da república e da xunta militar a Maawiya Ould Sid’Ahmed Taya, que recoñeceu a República Árabe Saharauí Democrática. Durante a década de 1980 intensificouse a revolta da poboación negra que se enfrontou ao sector dirixente islámico desde a organización Forces de Libération Africaine de Mauritanie (FLAM). En 1991 aprobouse por referendo unha constitución que introduciu o sistema democrático e convocáronse eleccións presidenciais e xerais (1992), que confirmaron no poder a Taya e o seu Parti Républicain Démocratique et Social (PRDS). A pesar das acusacións de fraude e de falta de democratización do réxime desde a oposición, as eleccións de 1994 ratificárono no poder. A tensión social dexenerou en numerosos enfrontamentos durante 1995, que remataron coa detención do líder opositor Moktar Ould Daddah.
Cara á democratización do goberno
As primeiras eleccións formalmente multipartidistas foron as lexislativas de 1996, en que o PRDS acadou unha nova vitoria. En decembro de 1997 o presidente Maawiya Ould Sid’Ahmed Taya volveu ser reelixido. Durante a década de 1990 o seu goberno aproximou as súas posicións aos gobernos occidentais, especialmente a EE UU e Francia, e estableceu contactos diplomáticos con Israel (1995), o que lle garantiu o apoio das institucións internacionais. Mentres, sucedéronse as denuncias por represión e fraude electoral ao tempo que se produciron varios intentos de golpe de estado. O 8 de xuño de 2003 un grupo de militares liderado por Salah Ould Hnana, ex-coronel do Exército, protagonizou un novo intento para derrocar o presidente coa axuda da unidade de blindados do Exército do Aire, pero fracasou. Desde ese mesmo ano, Sghair Ould M’Bareck (PRSD) ocupou o cargo de primeiro ministro.