Medici
Familia de banqueiros que gobernou Florencia desde mediados do s XV. O primeiro membro destacable foi Salvestro de Medici (Florencia 1331-1388), que, elixido gonfaloneiro, provocou a reacción popular contra os güelfos, no tumulto dos Ciompi (1378), polo que foi deposto e desterrado. Sucedeuno Giovanni di Bici de Medici (1360-1429), doutra rama familiar, que asumiu a xestión dos bens papais, o que lle axudou a engrandecer a banca familiar. Ao morrer sucedeuno o seu fillo Cosimo de Medici (Florencia 1389-Careggi, Toscana 1464), a quen substituíu Piero de Medici (1416-1469), que se asociou co papa para a explotación de alume. Sucedérono os seus fillos Lorenzo de Medici o Magnífico (Florencia 1449-Careggi, Toscana 1492) e Giuliano de Medici (Florencia 1453-1478). Lorenzo gozou dunha gran popularidade, pero o seu gasto e a caída do prezo do ouro arruinaron a cidade. Piero de Medici (Florencia 1472-Casino 1502), o seu sucesor, foi expulsado de Florencia e o seu irmán Giovanni de Medici impúxose coa axuda da coroa aragonesa (1512); máis tarde converteuse en papa co nome de León X. Á fronte da cidade nomeouse a Lorenzo de Medici (Florencia 1492-1519), fillo de Piero, capitán xeneral da Igrexa e duque de Urbino (1515); unha filla deste, Catarina de Medici , casou con Enrique II de Francia. O posto sucesorio ocupouno o cardeal Giulio de Medici , que foi tamén papa, co nome de Clemente VII e, ao aliarse contra o Emperador Carlos V, foi atacado e tivo lugar o saqueo de Roma (1527), mentres Florencia expulsaba os Medici e proclamaba a República. Alcanzada a paz, Carlos V impuxo na cidade (1530) a Alessandro de Medici , de filiación dubidosa, nomeado duque de Florencia (1532-1537), quen foi asasinado polo seu primo da rama menor Lorenzino de Medici . Alessandro foi sucedido por Cosme I de Toscana (Florencia 1519-1574), que recibiu o territorio por concesión papal. O seu fillo, Francisco I de Toscana , morreu sen descendencia e o poder pasou ao seu irmán Fernando I de Toscana (Florencia 1549-1609). Os seguintes Mecidi foron Cosme II de Toscana (Florencia 1590-1621), Fernando II de Toscana (Florencia 1610-1670), Cosme III de Toscana (Florencia 1642 -1723) e Giovanni Gastó (Florencia 1671-1737), morto sen fillos e do que foi herdeiro o duque de Lorena.