meiose

meiose

(< gr μείωσις, ‘diminución’)

  1. s f [BIOL/XEN]

    Proceso de división celular en que se produce unha redución do número de cromosomas, as células resultantes teñen a metade dos da célula que se divide. Consiste en dúas divisións nucleares ben diferenciadas que teñen lugar sucesivamente. Cada unha delas consta de catro fases: profase, metafase, anafase e telofase. Na primeira división meiótica, a profase I consta de cinco etapas: leptoteno, cigoteno, paquiteno, diploteno e diacinese. Na metafase é visible a estrutura denominada tetravalente. Na anafase cada grupo de cromosomas nos polos é formado por un número haploide, a diferenza da mitose. Na telofase os cromosomas agrúpanse no interior dos dous núcleos fillos con n cromosomas e 2n cromátidas, e chega a interfase. A segunda división meiótica é unha mitose normal de cada un dos núcleos fillos. O resultado é a formación de catro células haploides (n) a partir dunha diploide (2n). Prodúcese, entón, unha continuidade do número de cromosomas dunha especie e a formación de novos xenotipos para a recombinación intracromosómica e a segregación independente dos centrómeros na primeira división meiótica. Hai diferentes tipos de meiose, segundo o momento do ciclo en que ten lugar: meiose inicial ou cigótica, meiose intermediaria ou esporular, e meiose terminal ou gamética (gametoxénese). OBS: Tamén se denomina mitose reducional ou división meiótica.

  2. s f [LIT]

    Figura retórica que consiste nunha redución irónica da importancia de algo.