Meira, comarca de
Comarca situada no centro-L da provincia de Lugo, e no NL de Galicia. Limita ao N coas comarcas da Mariña Central (Mondoñedo e Lourenzá) e A Mariña Oriental (Trabada), ao S coas de Lugo (Castroverde) e A Fonsagrada (Baleira), ao L coas da Fonsagrada (A Fonsagrada) e A Mariña Oriental (A Pontenova) e ao O coa de Terra Chá (A Pastoriza e Castro de Rei). Abrangue unha extensión de 327,05 km2en que acolle unha poboación de 5.492 h (2001), distribuída entre os concellos de Meira (50,6 km2; 1.798 h), Pol (125,85 km2; 2.058 h) Ribeira de Piquín (79,8 km2; 937 h) e Riotorto (70,8 km2; 1.799). O concello de Meira centraliza unha tradicional área de mercado, que se debilita día a día coa caída demográfica e co incremento da centralidade terciaria da capital provincial. A área N do concello de Pol ten unha maior vinculación funcional á comarca que o S, máis enfocado cara a Lugo. Pola súa banda, Ribeira de Piquín é o que ten unha maior unión funcional coa cabeceira comarcal, aínda que tamén gravita na órbita da Fonsagrada, sobre todo en cuestións xudiciais. Finalmente, Riotorto, ao ser de transición entre a costa e o interior, mantén importantes vinculacións coa Mariña, sobre todo na súa metade setentrional.
Xeografía física
A configuración do relevo da comarca está determinada pola presenza de tres unidades morfolóxicas ben diferenciadas. En primeiro lugar, a serra de Meira, que ocupa o centro do territorio comarcal e serve de divisoria de augas dos ríos Eo e Miño; en segundo lugar, ao O desta aliñación montañosa, aparece a Meseta Lucense; e en terceiro lugar, ao L da serra, está o val do Eo, moi encaixado entre as elevacións veciñas. A serra de Meira ten unha clara orientación N-S, mantendo de maneira constante un nivel de cumios por riba dos 800 m (alto do Couso, 828 m; forno do Martiño, 893 m; pena das Corbas, 849 m e Montearios, 863 m). Presenta un relevo de tipo apalachense, en que sobre pendentes suaves e modeladas destacan vigorosas cristas de cuarcitas cunha perfecta orientación N-S. Cara ao O da serra desenvólvense unha serie de amplas planicies, ordenadas en varios chanzos, descendendo progresivamente de L a O, desde os 700 m aos 450 m. Nesta área, que se pode encadrar dentro da Meseta Lucense, aparecen montañas con altitude superior (600-650 m) que son restos de superficies de aplanamento máis antigas e que foron resaltadas pola erosión diferencial sobre materiais algo máis resistentes. A terceira unidade do relevo comarcal é o val do Eo, que se abre ao L da serra de Meira. Todo o conxunto comarcal presenta unha litoloxía dominante de rochas sedimentarias pouco metamorfizadas (xistos, lousas, cuarcitas e areas), aínda que tamén existen algunhas bandas estreitas de rochas calcarias, que son resultado de procesos de sedimentación desenvolvidos no Cámbrico e no Ordovícico, pregados logo durante a oroxenia herciniana, formando parte do anticlinal Mondoñedo-Lugo-Sarria. A finais dese episodio oroxénico produciuse sobre estes materiais unha intensa fracturación, con fallas de dirección N-S. Durante o Mesozoico foron arrasados e desmantelados, e no Terciario, aproveitando as fracturas hercinianas e outras novas xeradas neste intre, o pregamento alpino creou un xogo de bloques desnivelados. No Cuaternario producíronse certos retoques no modelado, favorecidos pola alternancia de distintos períodos climáticos, dos que son exemplo a erosión diferencial das cuarcitas e lousas (relevo apalachense), e certas formas periglaciais como o Pedregal de Irimia. O clima de Meira pertence ao dominio oceánico húmido, aínda que dentro das variedades galegas está nunha área de transición entre o clima da Meseta Lucense e o de montaña. As terras que se sitúan por debaixo dos 600-700 m pertencen á primeira das variedades, mentres que o resto pertencen á segunda. O afastamento do mar favorece unha continentalización das temperaturas, en que tamén incide directamente a altitude. A Dorsal Occidental Galega interponse no camiño das correntes húmidas do SO, O e NO no seu percorrido cara a estas terras desde o occidente galego, por esta razón as precipitacións non son demasiado elevadas, situándose no conxunto comarcal entre os 1.000 mm (nas áreas máis baixas) e os 1.600 (nos cumios). O ciclo anual das precipitacións está marcado polo mínimo pluviométrico estival (11% das chuvias), e un máximo invernal (33%), cun máximo secundario no outono (30%), mentres que a primavera é menos chuviosa (26%). As chuvias repártense entre 130 e 140 días. A altitude e as baixas temperaturas invernais favorecen a presenza da neve, que aparece en 20 xornadas anuais. A degradación das condicións climáticas oceánicas constátase no ambiente térmico. O afastamento do litoral, co efecto de abrigo da Dorsal Occidental Galega, e as elevadas altitudes medias, tanto da meseta (400-500 m) como da serra de Meira (800 m), acentúan a continentalidade, alternando a oscilación térmica estacional e diúrna. A temperatura media anual sitúase nos 12°C e está definida polo descenso do termómetro no inverno, que non é compensado pola calor estival porque a radiación nocturna é forte nesa época. Xaneiro rexistra temperaturas inferiores a 6°C, e mesmo a 5°C nas áreas máis elevadas, mentres que en agosto, o mes máis cálido, non chegan aos 18°C. Por este motivo a amplitude térmica é alta (12°-13°C). O risco de xeadas é elevado debido á altitude, sendo habituais entre outubro e maio (uns 100-120 días cada ano), e a insolación real sitúase no 40% da insolación potencial. O balance hídrico apenas presenta déficit ao longo do ano, pois o descenso estival das precipitacións compénsase coas medias térmicas mensuais baixas. A hidrografía aparece dominada polas concas do Miño, ao O da serra de Meira, e a do Eo, ao L. Tributan no Miño numerosos cursos fluviais (Rego de Feás, Porto da Pena, Riolongo, Azumara, Pol e Lea) que contribúen a degradar os distintos niveis das superficies de aplanamento occidentais, trazando vales de vertentes suaves. Os vales do Eo e dos seus afluentes (Lúa, Servial, Rodil e Torto), son estreitos e fondamente encaixados debido á proximidade do Cantábrico, onde desaugan. A superficie comarcal ocupada por bosques e matogueiras é abundante (aproxímase ao 50%). A vexetación clímax está constituída polas frondosas caducifolias (carballo, bidueiro, castiñeiro), que están en franca regresión e ocupan cativas extensións. As coníferas (piñeiros silvestre, insigne e marítimo) están acadando unha implantación crecente debido ao progresivo desenvolvemento das repoboacións forestais. O eucalipto, en cambio, ten moi pouca presenza ao non soportar ben os rigores invernais. As matogueiras, xurdidas esencialmente da degradación da vexetación clímax, ocupan grandes extensións de terreo, dominando os toxos, as urces, os breixos e as xestas.
Xeografía humana
Polo que respecta á distribución no espacio, a poboación opta polas terras de menor altitude e de mellor aptitude agraria, existindo unha maior densidade demográfica nas parroquias situadas nos vales fluviais. A característica máis salientable da poboación da comarca é o seu declive, froito da forte emigración acontecida desde comezos do pasado século ata a década de 1980, que se traduce nun acusado avellentamento e nun saldo vexetativo moi negativo. Así, dos 14.606 h que posuía no primeiro censo (1887) pasou aos 7.043 h de 1998, o que supón un descenso do 52%. Esta mingua poboacional non tivo un ritmo uniforme, de xeito que se pode constatar a existencia de catro grandes períodos na evolución demográfica recente do espazo comarcal. Entre 1887 e 1900 medrou a poboación comarcal un 0,41% anual, acadándose nese último ano o máximo poboacional comarcal (15.379 h). A primeira vaga emigratoria cara ao continente americano deixouse notar de xeito importante, pero o saldo vexetativo positivo lograba contrarrestar as saídas. A presión sobre as terras, que ofrecían pouca rendibilidade debido á rigorosidade do clima, comezaba a facerse insostible e satisfacía dificultosamente as necesidades alimenticias básicas. Deste xeito, o segundo período, comprendido entre 1900 e 1930 foi de clara perda, sobre todo nos anos anteriores e posteriores á Primeira Guerra Mundial, sobre todo cara a Cuba e Arxentina. A crise económica internacional xurdida trala crise bursátil de 1929 cortou a emigración transoceánica. Ademais, a Guerra Civil impediu tamén as saídas. Ambas circunstancias e a negativa incidencia na mortalidade do episodio bélico civil, favoreceron que entre 1930 e 1940 aparecese o terceiro período na evolución da poboación, novamente de crecemento (0,21% anual). A derradeira fase é a que se inicia en 1940 e que continúa ata a actualidade, que supuxo unha perda do -8,84 % cada ano. Esta caída constante non tivo un ritmo uniforme, sendo a mingua pouco intensa entre 1940 e 1950 (-0,31% anual) xa que ata mediados da década de 1940 non se retoma a corrente emigratoria americana, que se desenvolve ata finais da década de 1950, cunha menor intensidade da que tivera ata 1930. Entre 1950 e 1970 a perda de efectivos humanos foi máis marcada (-1,08% anual), co inicio da vaga emigratoria europea, moi intensa na década de 1960. O momento culminante da caída desenvólvese entre 1970 e 1991 (-1,31% cada ano), pois, aínda que se freou a emigración exterior, as saídas cara ás cidades españolas máis desenvolvidas, Asturias e Lugo foron moi intensas. Ademais, desde mediados da década de 1970 o crecemento vexetativo xa se tornou negativo e contribuíu á perda de poboación. Finalmente, entre 1991 e 1998, aínda que continúan as migracións cara a capital provincial, o saldo vexetativo é moi negativo, sendo a causa fundamental do declive (-1% cada ano). A evolución demográfica dos concellos de Ribeira de Piquín, Riotorto e Pol foi moi similar á do conxunto comarcal, mentres que o concello de Meira, ao igual que a vila cabeceira, debido á súa centralidade funcional, lograron un crecemento moderado de poboación ata 1950 (0,7% anual), para logo estancarse con certos altibaixos. O acusado avellentamento da poboación comarcal obsérvase ben na estrutura por idades, en que apreciamos como só o 16,24% dos habitantes teñen menos de 20 anos, mentres que os maiores de 65 anos son o 29,28% dos efectivos. A proporción entre sexos é favorable ás mulleres (50,83%) como consecuencia da súa maior esperanza de vida, pois a emigración neste espazo é algo máis elevada entre o sexo feminino. O saldo vexetativo (1997) é moi negativo, -9,37‰, derivado dunha natalidade francamente baixa, 3,98‰, e unha mortalidade moi alta (13,35‰) consecuencia do elevado grao de senectude.
Xeografía económica
A economía da comarca susténtase nas actividades agropecuarias e na axeitada rendibilización dos recursos endóxenos. Ata finais da década de 1960 predominou unha agricultura intensiva de policultivo orientada á subsistencia do campesiñado. A intensa emigración favoreceu un cambio na estratexia produtiva, concentrándose explotacións, abandonando as terras marxinais e buscando pautas de especialización en produtos máis adecuados á orografía e ao clima local. Así, a orientación produtiva pasou a ser gandeira, coa explotación intensiva do vacún para leite e do porcino. As terras dedicadas a pastos son case un terzo do total (31,8%), e moitas terras de labor dedícanse a cultivos forraxeiros (fundamentalmente millo). Son obstáculos para a modernización agraria tanto a excesiva fragmentación da terra, malia ao avance da concentración parcelaria en Pol e en Riotorto, como o excesivo avellentamento dos propietarios das explotacións. Domina a produción gandeira de vacún con destino leiteiro, posuíndo unha parte substancial das explotacións un axeitado tamaño para a rendibilización da actividade. Ao mesmo tempo que se intensificou a actividade gandeira, a mecanización dos labores necesarios para levala a cabo foi estendéndose, sendo case total en todas as explotacións de vacún (segadoras, autocargadores ou tanques de refrixerado do leite). A gran maioría do gando vacún pertence á raza frisona holandesa, aínda que a raza rubia galega para carne acada pouco a pouco unha maior significación, paralelamente á súa boa aceptación no mercado como produto galego de calidade. A agricultura tradicional mantense para o autoconsumo familiar (patacas, hortalizas ou centeo), pero ocupa cada vez menor extensión e realízase como actividade complementaria á gandería. Na actualidade menos do 8% das terras están dedicadas ao cultivo. En conxunto, a actividade agraria empregaba ao 54,29% da poboación activa (1996), sendo moi desigual a súa implantación nos catro concellos que integran a comarca (Meira, 37%; Pol, 66%; Ribeira de Piquín, 79,8%; e, Riotorto, 48,18%). Pola súa banda, a industria é moi escasa e emprega a un pequeno continxente de traballadores (12,27%), dedicándose as pequenas empresas existentes á transformación dos recursos endóxenos. Tan só merece mencionarse a presenza dalgúns serradoiros, unha industria de mobles en Riotorto, dúas industrias de lousa, cárnicas, de materiais para a construción, e algunhas empresas dedicadas á fabricación de pensos compostos para o vacún, á venda de maquinaria agraria, ou aos produtos veterinarios. Ademais, aprécianse movementos pendulares diarios, aínda que de escasa entidade, cara as industrias da costa lucense, especialmente no concello de Riotorto. A construción é escasa (6,76% dos activos) e está en consonancia coa pequena demanda construtiva local. Finalmente, os servicios non teñen unha presenza destacada (26,68%), aínda que son a a actividade predominante (42%) no concello en que se atopa a cabeceira comarcal, Meira. A mellora das comunicacións coa capital provincial, Lugo, non favorece o seu desenvolvemento. Dentro das actividades terciarias o comercio é a predominante (7,85%), aínda que se lle aproximan os servicios sociais e a Administración Pública (7,65%). A taxa de actividade sitúase no conxunto comarcal no 45,6% (1997), baixa en relación á galega (48,1%), debido á escasa presenza da muller no mundo laboral (34,9%). O paro (14,2%, 1997), en cambio, ten un comportamento moito máis positivo que no conxunto galego (18,4%) porque na actividade agraria, maioritaria, o desemprego ten moi pouca incidencia. En comunicacións destaca a N-640 Vegadeo-Lalín, que pasa polos concellos de Pol, Meira e Riotorto. Ademais son destacables a LU-124, que leva da capital municipal de Riotorto á N-640, a LU-750, que parte de Meira e penetra no concello de Baleira atravesando Pol, e varias estradas máis que serven de comunicación intracomarcal.
Historia
As terras da comarca de Meira son ricas en vestixios da cultura megalítica, como o dolmen coñecido como O Cortello da Vella en Meira ou os máis de vinte campos de mámoas. A presenza castrexa tamén foi importante, e caracterizouse polo aproveitamento dos recursos mineiros locais. Destacan, entre os máis de 25 poboados coñecidos, os castros de Suco e Tras da Valiña en Meira; o de Torneiros en Pol; os de Teixeira, Pico do Castro e Cabaceira en Ribeira de Piquín; e os de Meilán e As Rodrigas en Riotorto. A romanización do espazo comarcal foi intensa, pois os romanos tamén acudiron na procura das significativas riquezas mineiras como o demostran os restos deste tipo de explotacións en Montefurado (Ribeira de Piquín). Tamén pasaba a vía procedente de Astúrica Augusta, que se bifurcaba en Valonga (Pol), cara a Ribadeo e Viveiro. Proba da existencia desta vía foi o achado dunha ara votiva, dedicada aos deuses viais. Atopáronse tamén no concello de Pol un mosaico romano en Doncide, onde seguramente se erguía unha vila, restos dunha fíbula, puntas de lanza de ferro, e a tésera dos zoelas, inscrición en que se recolle un pacto de amizade entre os triadiavos e os desoncos, realizado en 27 a C. Durante a época medieval, especialmente a partir do s XII, dominou a historia comarcal o antigo mosteiro de San Salvador de Meira, aínda que con anterioridade á súa fundación houbo outros cenobios, todos eles no actual concello de Pol (As Cruces, Mosteiro e Mosteiro de Silva, do que existe documentación da protección que lle dispensaba en 1156 o Papa Adrián IV). No s XIII, os habitantes de Luaces (Pol) acudiron a Afonso X na procura de protección, pedíndolle ser só vasalos do rei, ao que accedeu, ao tempo que lles concedía Valonga. Ademais, as terras de Luaces que pertenceron á casa de Lemos, pasaron a mans do condado de Altamira no s XVI, por compra de Álvaro Osorio de Moscoso, quen as cedeu ao seu sobriño, o IV conde de Altamira. Durante o Antigo Réxime, os territorios da comarca de Meira pertencían a cinco xurisdicións da provincia de Lugo (a excepción de Riotorto): Meira, Burón, Riotorto, Luaces e Lea, e a tres coutos redondos: Ferreira Vella, Moxoeira e Orrea, que pertencían á provincia de Mondoñedo. Na Guerra da Independencia (1808), as tropas do xeneral galo Maurice Mathie foron derrotadas en Santalla (Ribeira de Piquín) tras violentos combates, o máis destacado deles no monte Carracedo (Riotorto). A Terceira Guerra Carlista (1872-1876), tamén deixou pegadas na comarca. Coas disposicións emanadas das Cortes de Cádiz, aplicadas durante o período liberal posterior, xurdiron no territorio comarcal os seguintes concellos: Meira, que englobaba tamén Ribeira de Piquín, Luaces e Lea, no que posteriormente se converteu en Pol; e Riotorto e Orrea, en Riotorto. Perviviron todos eles ata 1845, momento en que se unificaron varios e xurdiron os concellos de Riotorto e Pol, ademais do de Meira, aínda que este cunha extensión territorial moito maior que a actual. O concello de Ribeira de Piquín non xurdiu ata 1935, momento en que tres parroquias de Meira (San Xurxo de Piquín, Santalla e Navallos) se segregaron tras constituírse uns anos antes en entidades locais menores. Ribeira de Piquín incrementou o seu territorio con posterioridade, coa incorporación das parroquias de Santiago de Acevo (1956) e Os Vaos (1969), segregadas neste caso do concello da Fonsagrada.
Patrimonio cultural
O máis destacable do patrimonio da comarca de Meira está representado polos restos do mosteiro de Santa María de Meira e pola súa igrexa, conxunto declarado Ben de Interese Cultural en 1931. Da arquitectura relixiosa tamén destacan as igrexas parroquiais de Santa María de Valonga e de Santa María de Cirio en Pol, a de San Xurxo de Piquín en Ribeira de Piquín, ou as de Santa Marta de Meilán e Santa María de Espasande de Baixo en Riotorto, ademais da capela de Santo Isidro de Paredes en Meira. Un exemplo interesante de arquitectura defensiva está en Riotorto, coa torre do Mouro. Con respecto á arquitectura civil, destaca a casa do concello de Meira, así como numerosos pazos construídos durante a época moderna e vinculados á nobreza rural, como a casa de Xesteira en Meira ou a casa do Avogado en Pol. Das celebracións laicas son interesantes a festa da malla en Meira e a festa do emigrante en Mosteiro (Pol). Das festas relixiosas destacan as do 29 e 30 de xuño nas Rodrigas en Riotorto, en honor de santa Isabel e san Pedro, as do 15 de agosto, en honor a Nosa Señora, e as de San Roque, polas mesmas datas, en Meira, ademais das de San Bartolomeu de Lea en Pol, que tamén se celebran en agosto.