Meira, serra de

Meira, serra de

Sistema montañoso que se estende en dirección N-S polos concellos da Pastoriza, Meira e Ribeira de Piquín. As súas altitudes oscilan entre os 694 e os 893 m e destacan os cumios de Meira, Teixo, pena da Lagoa e alto do Couso. Posúe un relevo de tipo apalachense de pendentes suaves e cristas cuarcíticas que son o resultado dunha erosión diferencial. Nesta serra é onde o río Miño ten as súas fontes, concretamente no Pedregal de Irimia.