Mella Cea, Ricardo
Anarquista e topógrafo. En 1877 afiliouse ao Partido Republicano Federal (PRDF), asumindo pouco despois a secretaría da sección viguesa. En 1880 fundou o semanario federalista La Propaganda, que representou o seu paso do federalismo ao anarquismo. En 1881 marchou a Madrid ao ser acusado de inxuriar o marqués de Elduayen, e un ano máis tarde asistiu, representando a Federación Local de Vigo, ao II Congreso da Federación de Trabajadores de la Región Española (FTRE) celebrado en Sevilla. Na súa estancia en Madrid coñeceu o fundador da Revista Social, Juan Serrano Oteiza, quen o animou a estudar topografía. As súas colaboracións na devandita revista fixérono coñecido nos medios libertarios e obreiristas, ben pola súa denuncia do episodio de La Mano Negra en Andalucía, ben polo seu posicionamento anarcocolectivista. En 1884 presentouse a un concurso literario en Vigo co ensaio El problema de la emigración en Galicia, co que gañou o Primer Certamen Socialista de Reus. En 1887 exerceu como topógrafo en Sevilla, onde fundou diversos xornais, influíndo no movemento obreiro local. Regresou a Galicia e en Pontevedra colaborou co voceiro de E. Iglesias Ambrosio La Unión Republicana, contactando co nacente agrarismo de matiz republicano-socialista. Defensor ata a súa morte do anarquismo, participou xunto con José Prat na denuncia das torturas sufridas polos anarquistas acusados de terrorismo no castelo de Montjuïc. En 1901 trasladouse a Asturias onde exerceu dez anos como topógrafo e influíu intensamente no anarcosindicalismo asturiano. A partir de 1910 fixou a súa residencia en Vigo, onde acadou notoriedade social como director da compañía de tranvías, ao tempo que continuou coas súas colaboracións no semanario local Acción Libertaria e traduciu a P’otr A. Kropotkin. Moi crítico co xacobinismo anarquista e o terrorismo e partidario dunha escola neutra, tomou partido polos aliados na Primeira Guerra Mundial, recibindo numerosas críticas que provocaron o seu afastamento do movemento libertario. Escribiu numerosos ensaios, entre os que cómpre destacar Lombroso y los anarquistas (1896), La Ley del Número (1899), La Coacción Moral (1901), Cuestiones de Enseñanza (1913) e, en colaboración con José Prat, La barbarie gubernamental en España (1897). Postumamente editáronse Obras Completas (1926 e 1934).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo -
Deceso