Melón, Santa María de
Antigo mosteiro cisterciense situado en Melón. O primitivo cenobio fundouse no s XII e a súa orixe confundiuse con frecuencia coa do mosteiro de Santa María de Bárcena. A súa construción foi similar á do mosteiro de Santa María de Oseira, aínda que con dimensións máis reducidas, e un ano despois que aquel, incorporouse (1142) á orde do Císter, baixo a dependencia de Clairvaux. A primeira referencia documental do templo data de 1158, cando se produciu unha doazón ao mosteiro da condesa Froila Fernández. Afonso VII dotou o mosteiro de numerosos bens como o couto de Melón e o monte Verdugo; as posteriores doazóns dos monarcas Fernando II e Afonso VIII, así como a concesión do reguengo de Vigo en 1176, convertérono nun dos cenobios máis destacados de Galicia, do que dependeron os mosteiros de Santa María de San Clodio e Santa María da Franqueira. En 1506 incorporouse á Congregación de Castela e estivo habitado ata a expulsión dos monxes pola Lei de Desamortización de Mendizábal, en 1835. Despois de ser abandonado, sufriu importantes danos: do antigo muro do mosteiro só se conserva parte do peche, a portada semicircular flanqueada con torreóns, o frontón triangular e unha fornela coa imaxe da Virxe; a fachada reconstruíuse en 1894. Tamén se conservan dous dos antigos claustros: o das procesións (s XVI), con bóveda estrelada e arcos semicirculares, e o da hospedaría. A igrexa do mosteiro (s XII), posteriormente convertida en igrexa parroquial, ten tres naves; a do cruceiro, leva dúas capelas semicirculares abertas a ambos os dous lados do presbiterio, -formado por un tramo e a ábsida semicircular-, que se rodeou de columnas exentas con arcos de medio punto. Destaca ademais o deambulatorio gótico, -de sete tramos e cuberto con bóveda de cruzaría-, ao que se abriron tres capelas absidais. A nave principal cubriuse con bóveda estrelada e as do brazo norte con bóveda de cruzaría; no s XVI realizáronse as bóvedas estreladas que cubriron o brazo sur e o centro do cruceiro. No muro norte do templo situouse a capela, dunha soa nave, dividida en dous tramos e cuberta con bóvedas de cruzaría sobre arcos oxivais. A cabeceira leva unha capela de enterramento con similitudes coa de Santa María de Oseira. Entre as naves e o cruceiro ergueuse unha torre rectangular con remate en forma de pirámide. Tratouse dun dos monumentos románicos de transición máis destacados de Galicia e foi declarado Ben de Interese Cultural en 1931.