Méndez Núñez, Casto

Méndez Núñez, Casto

Mariño. Ingresou na armada en 1840, participou na Primeira Guerra Carlista e foi tenente de navío (1850) e auxiliar da secretaría de Mariña (1855). Elixido xefe das forzas das illas Visayas (Filipinas), en 1861 derrotou os piratas de Mindanao na toma de Pegagulán, o que lle valeu para ascender a capitán de navío en 1862. Posteriormente foi director de persoal do Ministerio de Mariña e en 1864 embarcou no acoirazado Numancia, co que se dirixiu ao Pacífico para unirse aos buques que xa se atopaban naquela zona. Cando Perú lle declarou a guerra a España en 1866, e despois da morte do almirante Pareja, tomou o mando da frota española no enfrontamento desta coa escuadra chileno-peruana. Venceu a esta alianza o 7 de febreiro de 1866 no canal de Abato e obrigouna a retirarse a augas pouco profundas para evitar a súa destrución. Non tivo en conta as ameazas estadounidenses e británicas que pretendían o control marítimo desa zona, e bombardeou Valparaíso o 4 de abril dese mesmo ano e o forte de El Callao o 2 de maio. Neste ataque, que provocou perdas en ambos os dous bandos, resultou ferido. A vitoria da frota española supuxo o seu ascenso a tenente xeneral en 1867, aínda que rexeitou o cargo. Regresou a España tras realizar a primeira circunvalación da Terra cun acoirazado, ascendeu a xefe de escuadra e converteuse nun heroe nacional. En 1868 foi nomeado vicepresidente do almirantado.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo

  • Deceso

    Lugar : Pontevedra