Méndez Núñez, marquesado de

Méndez Núñez, marquesado de

Título nobiliario concedido polo Rei Amadeo I de España a Xenaro Méndez Núñez Guadarrama e Fernández, oficial de infantaría, o 23 de agosto de 1872, na procura de honrar a memoria do seu irmán Casto Méndez Núñez. Trae por armas un escudo cuarteado en cruz: o primeiro, cuarteado á súa vez: 1) de prata, cruz flordelisada de goles de prata; 2) de ouro, árbore de sinople; 3) de ouro, tres bandas de goles; 4) de prata, cinco cruces de sable en aspa con bordo de goles e oito aspas de ouro; o segundo, de goles, banda de prata con león de ouro e tau de azul; o terceiro, de ouro, tres follas de vide de sinople, con bordo de azul con catro aspas de ouro e catro podadeiras de prata de forma alterna; cuarto cuartel, de azul, cinco lises de ouro postas en aspa, con bordo de goles con oito aspas de ouro; no timbre, a coroa marquesal.