Mens, Santiago de
Mens, Santiago de
Igrexa parroquial situada en Malpica de Bergantiños. Pertenceu a un antigo mosteiro bieito homónimo (s X), e desde 1499 dependeu do mosteiro de San Paio de Antealtares, aínda que tamén estivo vinculada a Santa María de Cambre, San Martiño Pinario e á colexiata da Coruña. Orixinaria do s XII, na súa construción diferéncianse tres fases: unha primeira prerrománica, da que se conservan as tres naves separadas por pilastras; unha románica, na que se construíron as tres ábsidas -semicirculares as laterais e pentagonal a central- e unha terceira barroca, que afectou á remodelación da fachada (s XIX), na que se destacou o corpo central sobre os laterais. Destaca especialmente o seu campanario. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1979.