Mercurio
Primeiro dos planetas do sistema solar, atendendo á súa proximidade ao Sol. Esta proximidade fai que a distancia angular entre ambos os dous astros, que ten un valor máximo de 28°, sexa sempre moi pequena, feito que provoca que a observación de Mercurio sexa sempre difícil, tanto cun golpe de ollos como con telescopio, porque pode observarse unicamente pouco despois da posta do sol ou pouco antes da saída. En ambos os casos Mercurio permanece moi baixo no horizonte, e isto fai que as condicións de visibilidade sexan normalmente moi malas. Durante moito tempo creuse que Mercurio, grazas ao fenómeno de rotación capturada, amosáballe sempre o mesmo hemisferio ao Sol. En 1965 as observacións da superficie de Mercurio efectuadas con radar demostraron que o período de rotación é aproximadamente dous terzos do período de revolución. A sonda planetaria Mariner 10 proporcionou información para coñecer as súas características físicas. A superficie de Mercurio, como a da Lúa, presenta numerosos impactos de meteoritos de todas as dimensións. Algúns dos cráteres son relativamente recentes (dalgúns millóns de anos) e caracterízanse pola presenza dun pico central. Igual ca a Lúa, Mercurio parece que puido pasar, hai 4 millóns de anos, por un período de intensos bombardeos de meteoritos de grandes dimensións. Contrariamente ao que se cría, a sonda Mariner 10 demostrou a existencia dunha atmosfera, moi tenue, constituída principalmente por helio, con trazos de argon e neon. O estudo da interacción de Mercurio co vento solar evidenciou a existencia dunha magnetosfera arredor do planeta.