Merlín e familia i outras historias
Obra de Álvaro Cunqueiro publicada en 1955. Na primeira parte do libro, coñécense por medio do narrador, Felipe de Amancia, as persoas e as historias que ían parar á casa luguesa de Miranda, propiedade do amo e mestre Merlín, un mago que satisfai plenamente as demandas das diversas visitas. Ensaríllanse, a partir da evocación dun Felipe vello e anugallado, un grupo de historias que agrandan e multipican o universo espacial e temporal da novela e amplían o número e tipoloxía dos narradores e protagonistas: clérigos franceses, unha serea, un reloxeiro suízo ou unha princesa de prata déixanse caer por Miranda para beneficiárense das artes máxicas de Merlín. Todos veñen dos lugares máis recónditos buscando no corazón de Galicia unhas habilidades que resultan non só exquisitas, senón verdadeiramente eficaces. Na segunda parte da novela, cando xa Felipe de Amancia non traballaba na casa de Merlín, danse a coñecer outras historias como as ditas por uns abades e escoitadas na Pousada de Tremar como a do célebre portugués Esmeraldino da Cámara Mello de Lima, desvirgador de doncelas e alcumado ‘o galo de Portugal’. Esta obra, marcada pola fantasía e o culturalismo cunqueiráns, e onde se evocan moitas das características do que se deu en chamar o ‘realismo máxico’, revolucionou o panorama narrativo galego de posguerra.