mestre -tra

mestre -tra

(< lat magistru)

  1. s
    1. Persoa que, con título oficial, exerce o ensino primario, anterior ao secundario ou bacharelato.

      Ex: Foi mestra de escola durante trinta anos.

    2. Persoa que, con ou sen título oficial ensina unha materia.

      Ex: O mestre de clases particulares non veu esta semana.

    3. Persoa ou cousa que serve de lección ou ensino e da que se aprende moito e bo. Na tradición oral recóllense ditos como: “A mellor mestra é a experiencia”.

      Ex: O mellor mestre que tivo foi a vida e as miserias que pasou.

    4. Persoa de gran sabedoría ou habilidade nunha ciencia ou arte ou nalgún aspecto da vida. Na tradición oral recóllense ditos como: “Ninguén naceu sendo un mestre”.

      Ex: Era un verdadeiro mestre na arte do engano.

    5. Persoa que chegou ao grao máximo no seu oficio.

      Ex: Temos que estudar os grandes mestres da pintura.

  2. s [HIST]

    Grao superior da organización gremial (ss XIII-XIX), ao que se chegaba despois duns anos de aprendizaxe, de oficialidade e da realización dun exame rigoroso. Confería a plenitude de dereitos económicos e sociais, aínda que existía unha diversidade de situacións económicas que se dividían entre os mestres que eran realmente independentes, un grupo reducido e minoritario que gobernaba os gremios; os mestres formalmente independentes que se atopaban sometidos a colegas máis ricos, ou a mercadores, e os mestres dependentes que traballaban a xornal, e que constituían probablemente, a metade dos agremiados.

    1. s m [RELIX]

      Nome dado a Xesús Cristo polos seus discípulos no Novo Testamento.

    2. s m [RELIX/HIST]

      Título dado antigamente aos eclesiásticos, en especial aos dominicanos, que obtiveran o grao supremo en calquera das facultades de Filosofía, Teoloxía ou Dereito. Tamén equivalía a doutor.

    3. mestre de novizos [RELIX]

      Persoa que dirixe e ensina aos novizos dunha comunidade relixiosa.

    1. s

      Título dado a certas xerarquías.

    2. s [BÉL]

      Superior dunha orde militar.

    3. s [MAR]

      Persoa que manda nunha embarcación.

    4. gran mestre

      Título dado ao cabeza de cada loxia entre os francmasóns.

    5. mestre de campo [BÉL]

      Oficial maior dun terzo ou rexemento, unidade creada en 1534.

  3. [MÚS]
    1. s

      Persoa que compón música.

    2. s

      Director de orquestra.

    3. mestre de capela

      Director dun grupo de músicos dunha igrexa ou catedral.

  4. adx
    1. Que está moi ben feito ou que é da máxima calidade.

      Ex: A editorial sacou ao mercado a tradución de obras mestras da literatura inglesa e francesa.

    2. Que posúe unha calidade especial ou principal sobre os seus semellantes.

      Ex: A viga mestra acabou cedendo por mor da humidade.

  5. mestre da Fala [LIT]

    Título outorgado polas Irmandades da Fala, coa finalidade de fomentar a escritura en galego. Outorgábase, nun acto que se celebraba cada seis meses, ao mellor traballo presentado polos socios.

  6. mestre de armas [DEP/BÉL]

    Persoa que ensina esgrima.

  7. mestre de cerimonias

    Persoa encargada, nas recepcións ou funcións rituais, de introducir as persoas e de facer que se cumpran as partes do rito ou cerimonia.

  8. mestre de obras [CONSTR]

    Profesional que baixo a dirección dun arquitecto ou similar, dirixe aos obreiros e as manobras.

  9. mestre en artes [ARTE]

    Grao académico que podía obter, despois dun exame previo, o bacharel en artes ou o licenciado en Arte. Este título permitía dedicarse ao ensino ou ingresar nas facultades superiores.

Refráns

  • Cada mestriño ten o seu libriño.
  • Costumes de malos mestres sacan fillos entrebertes e rebertes.