metafísica
(< gr tardíoμετα [τα] φυσικά‘despois dos [libros] físicos’)
Ciencia que trata, en xeral, de realidades ou presuntas realidades, máis aló do mundo sensible ou da natureza e, máis en particular, da esencia e o ser, xunto aos seus principios e tributos. Desde a Idade Moderna, estivo dividida en metafísica xeral ou ontoloxía e metafísica especial, integrada pola teodicea, a psicoloxía e a cosmoloxía. O termo metafísica corresponde ao nome dado ao conxunto de catorce libros atribuídos a Aristóteles, que na edición de Andrónico de Rodas (s I) foron colocados en último lugar, despois dos libros dedicados aos temas de física, é dicir, da natureza: ά. Estes libros tratan dunha certa ‘filosofía primeira’ que ha de ter por obxecto o ser, en tanto ser, e os seus principios, e onde se atende tamén, entre outros temas, o estudo da divindade, como principio real de toda identidade. Esta interpretación impúxose e deu lugar aos tratados escolásticos de metafísica, pero na filosofía moderna esta concepción foi radicalmente transformada. R. Descartes estreou unha visión da metafísica que incorporou, ademais do tema de Deus, o da alma e o do mundo en xeral. Wolf dividiu a metafísica en xeral (ontoloxía) e especial (teodicea, psicoloxía e cosmoloxía). Esta nova metafísica, porén, recibiu os ataques do empirismo inglés e, con I. Kant, o racionalismo metafísico moderno chegou a ser o obxecto dunha dura crítica, xa que consideraba que a metafísica como saber teorético certo era imposible. Así e todo, Kant deixou subsistir na súa filosofía moitos elementos propiamente metafísicos, que determinaron unha nova concepción da metafísica no movemento coñecido como idealismo alemán, representado por I.H. Fichte, F. W. J. Schelling e, sobre todo, G. W. F. Hegel que, baixo unha concepción dialéctica, reelaborou todos os materiais metafísicos da tradición filosófica anterior, na procura de atopar a estrutura dialéctica do movemento que constituíu a natureza e o mundo histórico dos homes. A metafísica hegeliana non se liberou, porén, de ser xeralmente rexeitada, e tanto S. Kierkegaard, F. W. Nietzsche, o marxismo e o positivismo de A. Comte, contribuíron igualmente a desfacer o sistema hegeliano e a sementar o descrédito de calquera metafísica. Os ataques do vello empirismo inglés e do positivismo lóxico, e os intentos contemporáneos de refacer unha metafísica, non puideron vencer aquel descrédito.