metamorfismo

metamorfismo

(< meta- + morfo- + -ismo)

s m [XEOL]

Modificación da estrutura e da composición mineralóxica dunha rocha en estado sólido en condicións termodinámicas diferentes ás que se orixinou. A composición química da rocha mantense excepto nalgúns casos, feito que recibe o nome de metasomatismo. Entre os axentes que causan as modificacións destacan a presión e a temperatura. A presión pode ser litostática, debida ao peso da columna de rochas supraxacentes, cun valor aproximado de 300 bar/km de profundidade; e a presión debida a esforzos tectónicos, denominada estrés. A temperatura ten no metamorfismo un límite inferior de aproximadamente 200°C (temperatura de deshidratación das arxilas) e un límite superior de 800 a 1.000°C, e ten a orixe no gradiente xeotérmico, na calor producida na mecánica das deformacións tectónicas, ou ben nas intrusións magmáticas. O factor tempo tamén é importante no metamorfismo e, en xeral, o seu aumento favorece a adaptación mineralóxica e estrutural ás novas condicións determinadas polos axentes externos. Pódese clasificar o metamorfismo de maneiras diferentes; así, atendendo á intensidade das modificacións, o límite inferior do metamorfismo representa a zona de tránsito entre a diaxénese e o metamorfismo, seguidamente está o verdadeiro metamorfismo, e no último lugar o ultrametamorfismo, que presenta unha fusión parcial; e atendendo ás condicións de presión e temperatura, fálase de metamorfismo de contacto, de metamorfismo rexional e de metamorfismo de profundidade. O metamorfismo de contacto só afecta a zonas moi localizadas, prodúcese por unha intrusión magmática e caracterízase por unha elevada temperatura e unha presión débil. O metamorfismo rexional caracterízase por condicións de presión e temperatura moi elevadas, e afecta a áreas extensas da codia terrestre, relacionada coa formación de cerros. O metamorfismo de profundidade caracterízase por presións moi intensas e temperaturas pouco elevadas, e prodúcese por accións mecánicas en zonas de deformacións moi localizadas.