Mezquita, San Pedro da
Igrexa parroquial situada na Merca. Construíuse en 1210, pero hai noticia doutro templo anterior, baixo a mesma advocación, vinculado ao mosteiro de Celanova. O estilo é románico de transición ao gótico. Ten unha nave e planta lonxitudinal con contrafortes que sobresaen en planta, a ábsida é semicircular con arco triunfal apuntado sobre semicolumnas, e na fachada destaca a porta rematada polas arquivoltas lixeiramente apuntadas e o gran tímpano centrado por unha cruz latina. No segundo corpo ábrense dúas ventás superpostas e remátase nun piñón cun Agnus Dei. Ao lado dereito está acaroada unha torre. Destacan os canzorros nos beirados, os capiteis da portada principal e a decoración das portas laterais. Foi declarada Ben de Interese Cultural (1931).