microeconomía

microeconomía

(< micro- + economía)

s f [ECON]

Parte da teoría económica que estuda as unidades de decisión individuais, consumidores ou empresas, e o xeito en que estas decisións afectan ao prezo e ás cantidades dos bens e factores de produción. O seu concepto central é o mercado e supón a existencia da competencia perfecta. Son considerados casos especiais as situacións de competencia imperfecta ou monopolista. A análise microeconómica, fundamentalmente estática, foi iniciada polo marxinalismo, dando unha grande importancia ao estudo do equilibrio xeral de todos os mercados da economía. Trata tamén das condicións necesarias para que a economía chegue ao equilibrio xeral e das consecuencias do cambio nas variables dun mercado particular ou dun grupo de mercados (Léon M. E. Walras, Lev A. Leont’ev). Na análise do equilibrio parcial considera soamente os efectos da alteración dunha variable sobre o mercado considerado (A. Marshall). Na análise microeconómica marxinalista a determinación da renda dos individuos depende do proceso xeral da formación de prezos: os axentes individuais reciben unhas rendas, salarios, beneficios, xuros, rendas da terra, atribuídos segundo a produtividade marxinal de cada servizo ou factor produtivo. A microeconomía, en contraposición á macroeconomía, que estuda as magnitudes agregadas, céntrase na asignación de recursos escasos, na análise de problemas individuais e nas limitacións das empresas e consumidores.