microelectrónica
(< micro- + electrónica)
Rama da electrónica que trata do deseño, da produción e da aplicación dos dispositivos electrónicos de pequenas dimensións, en que os diversos compoñentes se dispoñen en gran densidade sobre unha plaqueta ou substrato grazas aos principios da integración. A microelectrónica permite construír aparatos de volume e peso reducidos e dunha gran fiabilidade. A evolución da microelectrónica foi favorable para que apareceran novos compoñentes e dispositivos electrónicos (díodos, transitores, fotoaxustadores, memorias e, sobre todo, microprocesadores) e polas novas tecnoloxías de fabricación de circuítos integrados. Destaca a técnica de integración a escala moi grande VLSI (Very Large Scale Integration), como mellora da LSI. Continúan a empregarse os tipos básicos de transistores: bipolares e MOS, estes últimos deron lugar aos CMOS, WMOS e VMOS, entre outros. Nos circuítos lóxicos, abandonáronse as tecnoloxías RTL e DTL e só se emprega a TTL, xunto con MOS ou CMOS, porque apareceron novas tecnoloxías, como a IIL ou lóxica integrada de inxección (Integrated Injection Logic). A microelectrónica chegou a ser unha industria cun gran desenvolvemento. Para aplicacións moi concretas, pódense encargar aos fabricantes circuítos integrados por comando, que deron lugar aos circuítos ASIC (Application Specific Integrated Circuit). O elemento que se empregou nun principio para a fabricación dos circuítos integrados foi o silicio, e despois outros materiais como o arseniuro de galio. A microelectrónica fixo posible a realización de sistemas electrónicos complexos, especialmente de control de procesos ou de produtos industriais. Tomou unha gran forza cara a 1970, dentro da electrónica dixital, coa aparición do microprocesador e das memorias de tecnoloxía MOS, que substituíron rapidamente as memorias de núcleo magnético.