Micronesia, Estados Federados de
Estado insular do Océano Pacífico occidental, situado ao N de Nova Guinea (702 km2; 109.000 h [estim 2001]). A súa capital é Palikir. Está formado por unhas 600 illas e illotes do arquipélago das Carolinas, e as máis importantes son Pohnpei, Chuuk, Kosrae e Yap. O clima é tropical e está afectado por numerosos tifóns que se orixinan na zona. A agricultura e a pesca constitúen a base da súa economía e ocupan á maior parte da poboación activa. Importa alimentos, tabaco e artigos manufacturados de EE UU e Xapón e exporta produtos do mar, agrícolas e sobre todo copra. Colonizadas por España (1886) e Alemaña (1899), en 1920 foron asignadas a Xapón como mandato da Sociedade de Nacións. En 1947 formaron parte con Palau e illas Marshall, das Illas do Pacífico en Administración Fiduciaria de EE UU e en 1979 converteuse en estado libre asociado de EE UU. En 1990 rematou a tutela estadounidense, pero mantivo o control en defensa e política exterior sobre o estado micronesio. Os catro estados máis importantes (Pohnpei, Chuuk, Kosrae e Yap), teñen cada un a súa Asemblea e gobernador. Non existen os partidos políticos e os membros do Congreso ; Nacional son independentes. En 1991 entrou a formar parte da ONU. Nas eleccións xerais de 1991 e 1995 foi elixido presidente Bailey Olter, que foi substituído polo vicepresidente Jacob Nena en 1997. Desde 2003 o presidente é Joseph J. Urusemal.