migración

migración

(< lat migratĭōne)

  1. s f [DEMOG]

    Movemento das especies no espazo, referido aos movementos expansivos de colonización, como aos desprazamentos recorrentes ou aos ocasionais de vexetais e de animais. Aplicado á especie humana, o concepto de migración supón serios problemas conceptuais. Unha definición xeral de mobilidade espacial ten a complicación de ter que sintetizar os diferentes tipos de desprazamentos que realizan os humanos. Courgeau intentouno considerándoa como o conxunto de desprazamentos no espazo físico, de individuos ou grupos de individuos, con algunha duración e distancia. Esta definición considera todos os tipos de mobilidade coñecidos, pero a migración ten como característica específica que leva consigo un cambio de lugar de residencia.
    Estudo e análise
    A medición das migracións humanas implica algunha forma de compartimentación do territorio a través de unidades administrativas ou doutro tipo, a existencia dun límite entre áreas espaciais e un certo intervalo de tempo de permanencia na nova residencia; polo tanto, a variación da escala espazo-temporal ten importantes repercusións na definición das migracións e na súa medida estatística. É evidente que o primeiro efecto dunha migración concerne ao crecemento ou diminución da poboación. Neste contexto, Livi Bacci entende que a análise das migracións ten por obxecto fundamental indagar os efectos que os movementos migratorios, en termos de sexo e idade, producen tanto nas rexións emisoras como nas receptoras, e na natureza dos fluxos que se producen entre ambas. As migracións, desde a súa dobre perspectiva emigratoria e inmigratoria, teñen efectos contrapostos sobre as diferentes poboacións. O coñecemento e estudo da migración presenta tres grandes tipos de problemas: o das fontes, o dos índices para medir a súa importancia e o da clasificación para ordenar as súas diferentes modalidades. Practicamente todos os países contan con organismos que contabilizan e ofrecen estatísticas sobre a entrada ou saída de migrantes das súas fronteiras. Non obstante , a súa fiabilidade é moi dispar e mesmo naqueles estados con férreos controis escapan moitas persoas a eles, de xeito que en moitas ocasións as comparacións entre as cifras de diferentes países son pouco representativas. Ademais, as clasificacións entre estados adoitan non ser as mesmas. Polo que respecta a España, as fontes existentes sobre migracións teñen unha historia bastante recente. As estatísticas máis relevantes para a medición directa das migracións son de tres tipos, en xeral comúns en moitos dos países desenvolvidos. As primeiras obtéñense da explotación do padrón municipal de habitantes, que xera a Estatística de Variacións Residenciais (EVR); en segundo lugar atópanse os rexistros derivados das preguntas que sobre migracións se inclúen tanto en censos como en padróns desde 1970, información que se ampliou notablemente no último censo, o de 2001. Existen, ademais, series de datos que proceden de enquisas: a enquisa de emigración inserta na Enquisa de Poboación Activa (EPA) e na Enquisa Sodiodemográfica (ESD). O índice máis empregado para a súa medición é o saldo migratorio, obtido da diferenza entre a inmigración e a emigración, pero en moitas ocasións carécese dos datos directos sobre o fenómeno, o que leva ao emprego da taxa de migración neta, que é o resultado da resta do crecemento real (poboación existente ao final dun período considerado, menos a existente ao comezo dese período) menos o crecemento natural: (It,t+n - Et,t+n) = (Pt+n - Pt) - (Nt,t+n - D t,t+n), onde Pt e Pt+n son as poboacións ao comezo e final do perído considerado, Nt,t+n representa os nacementos no período (t, t+n), Dt,t+n as defuncións e It,t+n e Et,t+n os inmigrantes e os emigrantes respectivamente. Como se desprende desta fórmula, as migracións son, xunto coa fecundidade e a mortalidade, un elemento fundamental para determinar o crecemento e a estrutura da poboación dunha área determinada.
    Clasificación e características
    Os conceptos de escala e tempo son os criterios máis usuais para a súa clasificación. Desta forma, categorías relacionadas coa escala xeográfica e administrativa como internacional, interrexional, interprovincial, interurbana ou rural-urbana, en combinación co factor tempo, permiten realizar diversas clasificacións espaciais das migracións. Se o que se ten en conta é o lugar de orixe poden ser transoceánicas, intercontinentais, internacionais, intra ou interrexionais, intra ou interprovinciais ou intra ou interurbanas. Se é a duración do desprazamento, poden ser diarias, de fin de semana, de vacacións, estacionais, plurianuais ou definitivas. Se son as causas que as producen, poden diferenciarse entre as de traballo, lecer ou políticas. E se nos fixamos no nivel de liberdade con que se realizan, poden ser libres, forzadas ou dirixidas. Segundo Puyol Antolín, todos estes tipos poden agruparse nunha clasificación máis simple que abarcaría dúas grandes categorías: as migracións propiamente ditas, que son desprazamentos de media ou longa duración ou mesmo definitivos, que supoñen un cambio de actividade e que se explican por un desequilibrio entre as condicións de vida existentes entre os lugares de orixe e de destino, e as migracións habituais, que responden a unha especie de ritmo, que son de curta duración, non supoñen ningún cambio de actividade e non crean desequilibrios notables entre as áreas de orixe e destino. As migracións teñen grande importancia á hora determinar os cambios culturais e sociais a todas as escalas. Tradicionalmente foron obxecto de estudo de múltiples disciplinas científicas, centrándose tanto en aspectos empíricos como teóricos das causas e consecuencias económicas e sociais da migración: a súa selectividade por idade, sexo, estado civil, educación, ocupación ou estadio do ciclo vital e as pautas espaciais dos fluxos e da distancia e os aspectos do comportamento que inflúen na decisión de emigrar. Malia isto, non existe unha teoría completa sobre a migración, aínda que se intentou integrala na teoría económica e social, na análise espacial e na teoría do comportamento. Seguen sendo moi aceptadas na actualidade, aínda que con matices, as leis da migración que formulou Ravenstein a finais do s XIX: a maioría dos emigrantes só se desprazan a curtas distancias; a migración realízase por etapas; os emigrantes de longa distancia diríxense xeralmente cara a grandes centros urbanos, industriais ou comerciais; toda corrente migratoria produce unha contracorrente que a compensa; os nacidos nas cidades teñen menor tendencia a emigrar que os nacidos nas áreas rurais; as mulleres emigran máis ca os homes dentro do seu país de orixe, pero os homes saen fóra das fronteiras con maior frecuencia; case todos os emigrantes son adultos, as familias, especialmente se teñen fillos pequenos, raramente saen do seu país de orixe; as grandes cidades crecen máis pola inmigración que polo crecemento natural; o volume de migrantes aumenta co desenvolvemento da industria e do comercio, así como coa mellora dos transportes; a principal dirección da emigración vai das áreas agrícolas aos centros de industria e comercio; as causas máis importantes da migración son económicas.
    Causas e consecuencias
    Para falar das causas das migracións é necesario facer referencia aos seus tipos. Así, os movementos migratorios por motivos de traballo adoitan estar protagonizados por adultos novos acompañados polos seus fillos, e presentan fluxos desde as rexións con menor nivel de renda cara a outras máis ricas. Cando a necesidade de vivenda é o factor desencadeante, o tipo de migrante concéntrase na idade de emancipación e ten como destino concellos próximos con prezos máis asequibles. Se a migración se efectúa buscando un maior confort climático, os que a protagonizan serán na súa maior parte persoas xubiladas, buscando espazos con condicións ambientais favorables. Para falar das súas consecuencias é necesario facer referencia aos lugares de orixe e de destino. No caso das migracións por motivo de traballo na rexión de orixe prodúcese un avellentamento da poboación, que se pode ver acompañado por un desequilibrio entre os sexos, cando os fluxos son específicamente de homes ou de mulleres. A saída de persoas novas produce unha diminución da capacidade reprodutora da sociedade e unha caída da natalidade. Ao mesmo tempo o avellentamento producirá un aumento da mortalidade. Ademais, vanse producir perdas na capacidade produtiva, nos investimentos en educación e nos capitais familiares, no caso de que as migracións sexan de familias completas. Polo contrario, as migracións por motivos de traballo poden producir tamén entradas de remesas de cartos, diminución das cargas por subsidios e aumento da renda per capita. A perda de poboación nova e con maior iniciativa supón tamén a ausencia de boa parte das expectativas de futuro para a rexión emisora. No lugar de destino os efectos son contrarios, xa que xunto ao rexuvenecemento da poboación prodúcese un aumento da capacidade reprodutora, da natalidade e do crecemento natural, o que acentúa aínda máis a súa dinámica de crecemento. En función da intensidade e duración dos fluxos, os desequilibrios na estrutura por idades poden ter un efecto de gran transcendencia demográfica e urbanística. Ademais, desde unha perspectiva socioeconómica, cabe esperar un aumento da produción e das cargas sociais, así como a redución das tensións salariais. Para os migrantes tamén se dan consecuencias moi significativas, como desarraigamento, discriminación, cambios na súa actividade e na súa forma de vida, diminución da fecundidade, elevación do seu nivel de renda e maiores posibilidades de promoción.
    As migracións en Galicia
    En Galicia as migracións, e máis concretamente a emigración, condicionaron completamente a súa evolución e estrutura demográfica contemporánea, non só pola perda directa de efectivos, senón tamén polas implicacións que tiveron no crecemento vexetativo e na estrutura por idade e sexo, sen deixar de lado as fondas implicacións políticas, económicas e sociais. A emigración galega foi unha resposta ao forte desequilibrio que existía entre a poboación e os recursos debido á inadecuada estrutura económica, pois a potencialidade natural foi sempre grande, sobre todo no medio rural, que nalgúns momentos dos s XIX e XX coñeceu problemas claros de superpoboación, que tiñan a súa orixe na alta ocupación agraria sen dispoñer da modernización necesaria nas explotacións agropecuarias. Ademais, a urbanización e a industrialización foi pouco destacada e tardía, de xeito que os núcleos urbanos non puideron acoller o éxodo rural, que se viu forzado a desprazarse a outras áreas do Estado e especialmente ao estranxeiro. As saídas foron masivas en certos momentos, o que provocou o forte avellentamento actual da nosa comunidade, como consecuencia da perda directa de efectivos novos, que influíu no descenso da natalidade e no incremento da mortalidade, ademais de desequilibrios espaciais, pois as saídas foron moito máis significativas nas provincias orientais e nas áreas de topografía máis desfavorecida.

    1. s f [ZOOL]

      Desprazamento cíclico e orientado, xeralmente colectivo, dunha poboación animal, a miúdo con movementos de partida e chegada moi precisos. Practicamente foi constatado en todo o reino animal, aínda que os exemplos máis característicos e evidentes aparecen entre os cordados, especialmente nas aves. Depende tanto de factores externos (cambios climáticos ou térmicos ou alteracións periódicas da cantidade de alimento dispoñible) como de factores internos (hormonas ou ritmos fisiolóxicos). Ademais, poden ser irregulares, motivadas por explosións demográficas repentinas e a necesidade de procurar alimento, como no caso da lagosta, dos lemmings, ou de certas especies de formigas; ou poden ser migracións regulares, que teñen lugar de forma estacional. A migración das aves é común especialmente naquelas rexións onde o clima varía moito, mentres que naquelas outras pouco variables, apenas existen especies de aves migratorias. Un caso significativo é o do paporrubio, que é migratorio nos países escandinavos, pero en Galicia é sedentario. O sentido da migración é do N cara ao S, aínda que pode sufrir algunhas modificacións na súa orientación; así, os anátidos cando migran, desprázanse desde o NL cara ao SO. Galicia, pola súa especial disposición, no extremo occidental da rexión paleártica, é un punto moi importante de paso para aves migratorias mariñas peláxicas e limícolas. Ademáis, tamén podemos atopar nas nosas costas algunhas aves divagantes do N de América. É por iso que en Galicia hai moitos puntos onde observar o paso destas aves, como a Costa da Morte, e tamén hai zonas de refuxio e descanso, onde estas se alimentan e descansan antes de seguir coa súa viaxe cara ao S, como poden ser as Illas Sisargas, Ons, Carnota ou a enseada de Umia-Grove. Por outro lado, debido á súa disposición xeográfica, Galicia está afastada das vías migratorias das aves terrestres; non pasa o mesmo noutras rexións de España, especialmente en Castela e no estreito, onde abundan as zonas de descanso e paso destas aves; por exemplo, en Tarifa, especialmente no mes de setembro, pode observarse unha gran cantidade de aves na súa viaxe cara ao S, tanto terrestres como mariñas. A ruta migratoria é innata en todas as aves, e pode realizarse en grupo, como os anátidos, ou poden facela só algúns exemplares da especie, como as garzas. Ademais, o inicio da migración varía segundo o clima; canto máis cálido sexa o outono, máis atrasan o comezo da mesma. Do mesmo xeito, canto antes se adiante a primavera, máis cedo ten lugar o proceso de retorno ás rexións do N, onde se produce o aniñamento e a cría dos polos.

      Confrontacións: emigración, inmigración.
    2. s f [ANTROP/FISIO]

      Desprazamento aperiódico dun grupo animal, ou dun individuo, xeralmente a unha distancia considerable. Denomínase nomadismo cando non está orientado e non hai certeza de retorno ao punto de partida, emigración (ou inmigración, se se refire ao punto de chegada) cando acaba coa implantación nunha zona nova, e invasión cando está orientado e un grupo, xeralmente numeroso, deixa a área de repartición normal.

      Confrontacións: emigración, inmigración.
    3. migración parcial [ZOOL]

      Migración dunha parte dos individuos dunha especie animal, xeralmente aves, que habitan nunha área determinada.

  2. s f [MED]

    Desprazamento progresivo dun ou máis dentes.

  3. s f [XEOL]

    Fenómeno polo que o petróleo é traspasado do seu lugar de orixe (rocha nai) a outra rocha máis ou menos afastada. O traspaso ten lugar mediante diversos mecanismos, tales como a tensión do gas contido no petróleo, movementos oroxénicos ou aumento de calor da zona.

  4. s f [ALIM]

    Fenómeno polo que, na tecnoloxía do envasamento de alimentos, certas impurezas do envase poden pasar ao contido, afectar as súas características sensoriais e contaminalo.

  5. migración iónica [QUÍM/FÍS]

    Fenómeno que consiste en establecer unha diferenza de potencial entre dous electrodos somerxidos nunha disolución electrolítica. O campo eléctrico creado anula o movemento browniano dos ións, facendo que estes se dirixan ao electrodo de signo oposto. Entre as súas aplicacións pódense destacar especialmente a electroforese, a electrodiálese e a galvanoplastia.

Palabras veciñas

Mignard, Pierre | Migne, Jacques Paul | Mignon | migración | migrador -ra | migrante | migrar