Milanesado

Milanesado

Antigo estado do N de Italia formado arredor de Milán, que foi a capital. Pouco despois de constituírse o goberno comunal na primeira metade do s XII, Milán esforzouse por impor a súa tutela sobre as outras cidades lombardas. A transformación da comunidade en señorío non significou a fin da súa expansión, senón todo o contrario, xa que os Torriani (s XIII) e os Visconti (s XIV) impulsaron a expansión e someteron Bérgamo, Brescia, Novara, Boloña, Perugia, Pisa e Siena, e obtiveron o recoñecemento imperial de Venceslau I, que lle concedeu os títulos de duque de Milán (1395) e duque de Lombardia (1397) a Giovanni Galeazzo (1447). Morto o duque de Milán, Filippo Maria Visconti, sen sucesión masculina, o ducado de Milán pasou a Afonso V de Aragón. Este renunciou e axudou a Francesco Sforza, xenro do duque, a tomar posesión do ducado e defender os milaneses dos ataques venecianos e florentinos. En 1499 o ducado pasou aos franceses cando Luís XII de Francia llo arrebatou a Luís I de Milán. Os franceses foron expulsados polas tropas da Liga Santa en 1513 e tiveron que deixar o Milanesado trala Paz de Cambrai (1529). Tras a morte sen descendencia de Francesco III de Milán en 1535, o Emperador Carlos V deulle o ducado ao seu primoxénito, o futuro Filipe II (1540). En 1706 o príncipe Uxío de Savoia-Soissons conquistou o Milanesado para Austria, e o dominio austríaco sobre o territorio recoñeceuse no Tratado de Utrecht (1713). Agás entre 1733-1735 e entre 1796-1814, o control de Austria prolongouse ata finais de 1859, data en que o Milanesado se incorporou ao Reino de Italia.