Milicias Galegas
Grupos armados organizados en Galicia no s XVI en substitución da antiga organización militar feudal. Ante a inexistencia dun exército regular, mobilizáronse nos casos de necesidade de defensa do territorio galego. O mando exercíano os nobres galegos e os postos inferiores ocupábanos a nobreza baixa, os fidalgos e os burgueses. Protagonizaron diversas campañas no s XVI, como a de dar apoio ás tropas do duque de Alba na invasión de Portugal ou a defensa de Vigo e A Coruña ante os ataques de Francis Drake. No s XVII dividíronse en distritos organizados en compañías e no s XVIII os Borbóns substituíronas polos terzos, feito que orixinou a oposición de parte da poboación ante a obriga dos terzos a actuar fóra de Galicia deixando o territorio galego indefenso. Dos nobres que loitaron á fronte das milicias destacaron os condes de Lemos, Monterrei e Soutomaior. Nos comenzos da Guerra Civil Española (1936) recibiron este nome os grupos armados formados en Madrid por republicanos galegos apoiados por Santiago Álvarez. Agruparon os antifranquistas de orixe galega que defendían a República e integráronse no V Regimiento de Milicias Populares.