Milladoiro
Grupo musical constituído en Santiago de Compostela en 1978. Tres dos membros fundadores do grupo, Xosé Vicente Ferreirós, Nando Casal Tacón e Moncho García Rey, procedían da música tradicional, xa que formaban o grupo Faíscas do Xiabre; os outros membros da agrupación, Antón Seoane e Rodrigo Romaní, dedicábanse a reproducir e estudar a música medieval; e máis tarde incorporáronse á agrupación Xosé Antón Méndez e Laura Quintillán. Nunha última remodelación o grupo quedou formado por Xosé Vicente Ferreirós, Nando Casal, Antón Seoane, Xosé A.F. Méndez, Roi Casal, Harry C. e Manu Conde. Participaron nos máis importantes festivais de música celta, como o Festival Interceltique de Lorient, o Festival de Edimburgo ou o Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Actuaron en diversos países do mundo e colaboraron con diferentes grupos como The Chieftains e solistas como Alan Stivell. Dos seus discos destacan A Galicia de Maeloc (1979), O berro seco (1980), Solfafría (1984), Ris orangis (1984), Galicia no país das maravillas (1986), Castellum Honesti (1989), Galicia no Tempo (1991), A vía láctea (1993), Iacobus Magnus (1994), Gallaecia Fulget (1995), No Confín de Verdes Castros (1999), Auga de Maio (1999) e O Niño do Sol (2002). Recibiron numerosos premios e galardóns, dos que destacan o Pedrón de Ouro (1984), o Goya (mellor banda sonora orixinal por La Mitad del Cielo, 1986), o Premio Celanova, Casa dos Poetas (1993), o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Galegos Egrexios (1999) e a Medalla Castelao (2004).