Millán González-Pardo, Isidoro
(Pontevedra 11.6. 1922 - Santiago de Compostela 16.12. 2002) Filólogo, conde de Quirós. Catedrático de Grego, foi profesor axudante de filoloxía latina e lingüística indoeuropea na Universidad de Madrid e profesor da facultade de Letras da Universidade de Santiago de Compostela. Foi un dos membros fundadores do Instituto Cultural Galaico-Minhoto e membro do Instituto Padre Sarmiento e do Centro de Estudios Xacobeos. Presidiu a Asociación Nacional de Catedráticos de Instituto e, durante o goberno de Fernández-Albor, foi subdirector xeral da Consellería de Educación. Colaborou nas Comisións de Lingüística e Toponimia e escribiu numerosos artigos sobre aspectos relacionados coa filoloxía, a lingüística e a toponimia e coa epigrafía e a arqueoloxía. É autor de A la sombra del apóstol: once siglos de vida compostelana (1938), Ara con nuevo teónimo indígena en San Vicente de O Grove (1976), en colaboración con José Carro Otero, Sobre las aras del santuario de Donón (Hío, Pontevedra) (1978), Raíces prelatinas da cultura galega (1981), Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas reales de su Puebla y Alfoz (1987) e Lembranza e comento de Álvaro Cunqueiro (1994), ademais da tradución Morte na catedral (1973), de T. S. Eliot. Foi elixido académico de número da Real Academia Galega (1967) e correspondente da Real Academia de Historia (1982).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela