Milton, John

Milton, John

Poeta. Considerado como unha das figuras máis destacadas da lírica anglosaxona, desde novo escribiu poemas en latín e italiano (In adventum Veneris). Humanista cristián, coa súa produción literaria manifestou a confluencia do Renacemento coa Reforma. Autor de poemas, elexías, opúsculos polémicos a favor do divorcio, tratados teolóxicos e obras heroicas, dedicouse á defensa da causa puritana e do republicanismo, e fixo apoloxía do rexicidio, especialmente coa execución de Carlos I (1649). Durante a súa estadía en Italia (1638) estudou a técnica do soneto co modelo dos cancioneiros italianos e conseguiu o estilo heroico que o caracterizou durante toda a súa traxectoria, e que serviu de modelo para moitos autores de toda Europa. Nesa mesma viaxe leu os seus versos en latín na Accademia degli Svegliati, en Florencia, compuxo tres epigramas latinos para Eleonora Baroni, e en Nápoles manifestou o seu propósito de versificar o ciclo de lendas do Rei Artur. Influído por E. Spenser, escribiu Comus, a Mask e a elexía fúnebre pastoral Lycidas. Da súa produción tamén destacan Ode on the Morning of Christ s Nativity (1629), que marcou o comezou da súa madurez artística; Ephitaphium Damonis (1639), Tractate on Education (1644), tema abondosamente tratado polos humanistas; Areopagitica (1644), en defensa da liberdade de imprenta; The Doctrine and Discipline of Divorce, onde manifestou as súas inclinacións sobre o divorcio, Defensio Secunda (1654), a súa obra máis destacada en prosa latina; e o tratado teolóxico De doctrina christiana (1655-1659). A partir de 1655 comezou a súa decadencia persoal e con ela chegou a súa obra fundamental, a epopea Paradise Lost (1667), onde aparecen os temas do amor, a guerra e a relixión desde unha visión épica; posteriormente, escribiu Paradise Regained (1671) e a traxedia clásica Samson Agonistes (1671).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Londres

  • Deceso

    Lugar : Chalfont St. Giles, Buckinghamshire