Minguillón Iglesias, Xulia

Minguillón Iglesias, Xulia

Pintora. Comezou realizando debuxos a lapis, augadas e acuarelas, retratos e algunha paisaxe. En 1923 obtivo unha bolsa da Deputación de Lugo polo Retrato de Cascarilla e trasladouse á Escuela de Bellas Artes de San Fernando (Madrid). En 1934 participou na Exposición Nacional de Bellas Artes onde obtivo unha terceira medalla por Xesús con Marta e María. Regresou a Galicia co estoupido da Guerra Civil Española e en 1939 comezou A miña familia. Na Exposición Nacional de 1941 presentou A virxe do aire e A escola de Doloriñas, pola que recibiu unha primeira medalla e que se expuso ao ano seguinte na Bienal de Venecia e en Berlín. Realizou a súa primeira exposición individual no Círculo de Bellas Artes de Madrid en 1945 en que presentou paisaxes rurais, urbanas, sobre todo de Lugo, e mariñeiras, como A casa de Leboreiro (1942), Sucos, Outono no parque e Primavera no patio. En 1948 recibiu o I Premio do Círculo de Bellas Artes por Mocidade. Entre 1952 e 1953 residiu en París onde realizou paisaxes urbanas. En 1960 participou nas mostras colectivas Exposición de Pintoras Galegas da Asociación de Artistas da Coruña, I Mostra Antolóxica da Pintura Galega do Círculo de Belas Artes de Lugo e na Exposición Rexional de Arte Galega do pazo de Castrelos en Vigo. En 1961 instalouse en Madrid por causa do traslado do seu home, o escritor Francisco Leal Insua, e continuou a pintar paisaxes urbanas cunha pincelada solta. Entre os seus retratos destacan A Tyla e mais eu (1943), Mercedes de Cora y Savater, Francisco Fernández del Riego, Elena Tormo e Clementina Bussman.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lugo

  • Deceso

    Lugar : Madrid