ministerio

ministerio

(< lat ministerĭu ‘servizo’)

  1. s m [POLÍT]
    1. Cada un dos departamentos do poder executivo nun sistema político. Encabezado por un ministro, ten funcións políticas e administrativas e é utilizado polo goberno para levar a cabo o seu programa político. É unha institución estatal que corresponde a unhas das grandes ramas da Administración Pública. A súa significación variou segundo a época e o réxime político. Cando apareceron as monarquías constitucionais e as repúblicas modernas, os ministerios perderon o seu carácter esencialmente auxiliar e pasaron a ser un organismo do estado, cunha autoridade propia e unha competencia definida, e pasaron a estar a cargo de políticos e non de funcionarios. A estrutura departamental, así como a súa denominación e competencias ministeriais, realízanse a petición do presidente do goberno mediante a aprobación dun Real Decreto. O Estatuto Real de Baiona estipulou a creación de nove ministerios e a Constitución de Cádiz reorganizou a administración estatal en sete departamentos: Estado, Graza e Xustiza, Guerra, Facenda, Mariña, Gobernación do Reino e Gobernación de Ultramar. Co parlamentarismo, o papel político dos ministerios quedou ben delimitado nas diversas constitucións. Durante os ss XIX e XX pruducíronse numerosas reorganizacións, agrupacións e disgregacións de ministerios, así como a creación doutros novos. En 1932 creouse o de Fomento, que se ocupou da agricultura, a industria e o comercio, o de Ultramar existiu entre 1863 e 1899, o de Instrución Pública e Belas Artes apareceu en 1900, en 1920 o de Traballo e Previsión Social e en 1931 o de Obras Públicas, Agricultura, Industria e Comercio. En teoría, o número de ministerios non debe ser menor a cinco para que corresponda aos grupos de relacións fundamentais que contén a vida do estado. Do dereito internacional e de todo o que se refire a negocios ou relacións con outros estados ocúpase o Ministerio de Asuntos Exteriores, desde 1938, tamén chamado do Exterior, de Negocios Estraxeiros (1808-1813), e Secretaría de Relacións Exteriores (1936-1938). De dirixir as Forzas Armadas e organizar a defensa do estado ocupouse o Ministerio de Guerra (1808-1858, 1863-1928 e 1931-1937), de Guerra e Ultramar (1858-1863), do Exército (1928-1931 e 1936-1976), Secretaría de Guerra (1936-1938), de Defensa Nacional (1937) e Defensa (1939 e desde 1979). Da vida económica e financeira encargouse o Ministerio de Facenda (1808-1937;1938-1982), que tamén se denominou de Facenda e Economía (1937-1939), de Economía (1931; 1978-1980 e 2000-2004), de Economía e Comercio (1980-1982), de Economía Nacional (1928-1931) e de Economía e Facenda (1982-2000 e desde 2004). A administración de xustiza pertence ao Ministerio de Graza e Xustiza (1808-1931), onde se personifica e concentra toda a Administración Pública, e que tamén se denominou Ministerio de Xustiza (1931-1994 e desde 1996), de Xustiza e Culto (1928-1930) e de Xustiza e Interior (1994-1996). O departamento que ten ao seu cargo a administración local e relacións co interior do estado é o Ministerio de Gobernación ou do Interior. Entre as súas competencias destacan a vixilancia e coordinación da administración xeral do estado, a administración dos entes xurídico-sociais autónomos e a xestión da policía. Denominouse Ministerio da Gobernación (1820-1978) e de Interior (1808-1836; 1938-1940 e 1977-1994 e desde 1996). Na práctica os estados teñen sempre un número superior a cinco ministerios, pois dun lado o Ministerio das Forzas Armadas adoita dividirse xeralmente en dous: o de Guerra e o de Mariña; por outro lado os estados tiñan sempre colonias relativamente extensas polo que establecían un ministerio especial para elas denominado Ministerio das Colonias ou de Ultramar. Na administración interior é onde se poden atopar un maior número de ministerios: industria, agricultura, comercio que poden ter un ministerio especial para cada un ou estar reunidos baixo o Ministerio de Fomento (1832-1834, 1851-1931 e 1996-2004) aínda que este sufriu diversas modificacións pois as súas competencias pasaron a depender do de Interior o de Obras Públicas. Entre estes destaca o Ministerio da Presidencia que exerce as funcións de secretario do Consello de Ministros, ademais de ser vicepresidente primeiro e portavoz do goberno. Ofrece apoio ao presidente do goberno, en particular, no programa da preparación e seguimento do programa gobernamental, asistencia administrativa ao Consello de Ministros, ás comisións delegadas do goberno e á comisión xeral de secretarios de estado e subsecretarios do goberno. A súa denominación sufriu diversas modificacións: foi Ministerio da Presidencia (1923-1925 e desde 1974), Presidencia e Asuntos Exteriores (1928-1930) e, entre 1951-1974, ocupouse del o ministro subsecretario da Presidencia (1951-1974).

    2. Corpo de ministros dun estado.

  2. s m
    1. Cargo de ministro.

    2. Tempo que dura o exercicio dun ministro.

    3. Edificio en que se encontran as oficinas dun departamento ministerial.

  3. s m
    1. Función que exerce unha persoa que representa unha misión ou delegación.

    2. [RELIX]

      Oficio ao servizo da comunidade cristiá. O Concilio Vaticano II afirmou que o ministerio eclesiástico, de institución divina, se exerce segundo diversos graos, coñecidos polos nomes de episcopado, presbiterado e diaconado. Estes tres graos, son de institución eclesiástica, e só o único ministerio, que obxectivan, pertence á vontade divina. A misión primordial do ministerio é presidir a celebración eucarística, fonte e cumio da acción da Igrexa. Sempre se presupuxo, segundo testifican os rituais, a presentación do candidato ao ministerio por parte dos fieis que o recibirán. No Novo Testamento ningún ministerio leva o nome de sacerdocio, denominación que aparece por primeira vez a finais do s II, e qu se utiliza como unha expresión simbólica. Na organización posterior ao Concilio Vaticano II, o ministerio baseou as súas raíces na estruturación das comunidades dos ss II e III, cando foi establecido definitivamente o episcopado monárquico, axudado dun presbiterio, en cada unha das demarcacións territoriais ou dioceses. O bispo de Roma ten a atribución de presidir o colexio universal dos bispos.

  4. ministerio fiscal/público [DER]
    1. Institución integrada con autonomía funcional no poder xudicial, que ten como misión promover a acción da xustiza en defensa da legalidade, dos dereitos dos cidadáns e do interese público. A súa organización interna fundaméntase nos principios de unidade e dependencia xerárquica, e na actuación réxese polos principios de legalidade e imparcialidade. O ministerio fiscal está integrado polo fiscal xeral do estado e os funcionarios pertencentes á carreira fiscal. O ingreso na carreira fiscal efectúase mediante unha oposición libre, e os seus membros gozan dos mesmos honores, retribucións e categorías que os da carreira xudicial.

    2. Persoa que exerce as funcións de fiscalización dos delitos.

Palabras veciñas

minisaia | ministerial | ministeriat* | ministerio | ministrábel | ministrable | ministro -tra