Miño

Miño

Río que xunto aos seus múltiples afluentes forma a conca (17.026 km2) máis extensa que drena o territorio galego e parte do leonés e portugués. Ten as súas fontes no pedregal de Irimia, na serra de Meira, e percorre 350 km ata a súa desembocadura no Océano Atlántico, na Guarda, pola parroquia de Camposancos, despois de facer fronteira con Portugal durante 70 km do seu tramo final. Entre os seus afluentes destacan o Sil, o Cabe, o Bibei e o Avia, que forman á súa vez pequenas subconcas individualizadas. O curso do Miño pódese dividir en catro sectores. O primeiro é o Alto Miño, que vai desde o seu nacemento ata Portomarín, neste sector do N de Lugo a morfoloxía achairada da Terra Chá fai que o río transcorra sen apenas encaixarse; a horizontalidade do terreo e a existencia de margas e arxilas impermeables orixinan pozas e lagoas. Recibe as augas do Magdalena, o Anllo, o Tamoga, o Landra, o Tordea e o Neira. No segundo tramo, de Portomarín aos Peares, o Miño comeza a encaixarse a medida que flúe ata Os Peares, estreitándose ao seu paso por Taboada, O Saviñao, Chantada, Carballedo e Pantón, e recibindo afluentes, entre os que destacan o Asma, o Bubal e o Sardiñeira; un aspecto característico deste tramo son os socalcos das abas que son aproveitados para o cultivo da vide. O terceiro tramo, entre Os Peares e O Ribeiro, colle unha dirección NL-SO seguindo as fracturas do terreo. Nos Peares recibe ao río Sil e no Ribeiro, onde a morfoloxía depende das formas do val, recibe ao Arnoia, ao Barbantiño e ao Avia. O derradeiro tramo é o Baixo Miño, onde o río presenta un contraste entre os vales, moitas veces de fondo plano, e os interfluvios, caracterizados por vertentes moi desgastadas e cumios achairados, adquirindo unha grande amplitude desde Arbo ata a súa desembocadura no Atlántico. Os seus últimos afluentes son o Deva, o Tea e o Tamuxe. O rexime da conca do Miño é pluvionival con ríos que se nutren fundamentalmente das augas da chuvia e algúns de augas de desxeo. Presenta o seus máximos de caudal durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo, mentres que os mínimos se rexistran en xullo, agosto e setembro. O caudal depende das condións climáticas e cambia moito ao longo do río, así en Rábade o caudal medio anual é de 19,9 m3/s, mentres que nos Peares é de 108,6 m3/s e ao seu paso pola cidade de Ourense de 234 m3/s.