Mosa
Mosa
Río do N de Europa tributario do mar do Norte (959 km). Nace no altiplano de Langres (Francia), e corre cara ao N encaixado nas calcarias que forman o extremo oriental da conca de París (Côtes de la Meuse), entre Champagne e Lorena. Xa en Bélxica, atravesa o macizo herciniano das Árdenas, en Namur recibe o seu afluente principal, o Sambre, percorre a principal conca carbonífera de Bélxica e, en Maastricht, convértese nun río de chaira e introdúcese en Países Baixos, onde rega Limburg e Brabante Setentrional. Na desembocadura únese a un dos brazos do Rin, río co que forma un delta común. O seu réxime adoita ser regular, cun máximo de caudal no inverno.