Moscova
Capital de Rusia e da oblast’ homónima (8.305.000 h [2000]). Está atravesada polo río Moskva a unha altitude media de 20 m. Moitas particularidades do relevo son consecuencia dos cambios introducidos pola actividade da poboación ao longo dos séculos. O clima é moderadamente continental. No Moskva conflúen o Jauza, que atravesa a cidade polo NL, e o Setun’, qoe o fai polo extremo O da cidade. A poboación está composta nun 89% de rusos, mentres que o resto pertenden a diferentes nacionalidades da CEI. Moscova posúe unha gran concentración industrial. A parte correspondente ás construcións mecánicas sobrepasa o 50%, con predominio dos sectores máis complexos e cualificados (tornos, aparatos de precisión, maquinaria complexa ou automóbiles). Malia a preeminencia da industria pesada, Moscova conserva o seu papel de gran produtora na industria lixeira e alimentaria. De Moscova arrancan numerosas liñas de ferrocarril, que a unen con todos os estados da CEI. Coa construción (1937) da canle Moskva aumentou a importancia da capital como porto fluvial. A contrución da canle Volga-Báltico facilitou a saída de Moscova aos mares Branco e Báltico, e a da canle Volga-Don, aos mares Caspio e Negro. Moscova dispón de catro aeroportos. No transporte urbano hai que destacar o metro, célebre pola súa técnica e polas súas estacións. A cidade adquiriu importancia a partir do s XII, malia que xa estaba poboada desde o s IX. O lugar do emprazamento do actual Kremlin foi incendiado en 1237 polos mongois e, posteriormente, converteuse no centro dun dos pequenos principados fronteirizos de Suzdal, vasalo dos mongois. Moscova, ben situada nun dos afluentes do Oka e próxima aos vales do Don e do Volga, foi refuxio privilexiado para os que fuxían dos mongois, que no s XIII poboaron a cidade ata o río Moskva. No s XIII Alexandre Nevski confiou a cidade ao seu fillo Daniel e constituíu propiamente Moscovia. Os seus príncipes converteron Moscova na capital relixiosa e política. Un incendio destruíu a fortaleza, polo que Dimitri Donskoj ampliouna e construíu unha muralla de pedra (1367). Foi saqueada novamente polos mongois en 1382. Embelecida por Iván III (1462-1505), a constitución por parte dos ingleses dunha compañía de Moscovia, permitiu a creación de talleres que traballaban o cánabo. Despois dun período de escuridade (1584-1613), converteuse nunha das cidades europeas máis grandes, e acusou as influencias provenientes da Europa Occidental e Central coa dinastía dos Romanov á fronte de Rusia. Despois da fundación de Peterburgo por Pedro I de Rusia o Grande (1703), perdeu a súa categoría de capital política e intelectual. Dotada dunha universidade (1755), dun teatro público (1757) e de numerosas industrias, Moscova continuou a ser a capital relixiosa de Rusia. Ao ser ocupada por Napoleón (14 de setembro-19 de outubro de 1812), a cidade foi abandonada polos seus habitantes e case destruída por completo, aínda que axiña se recuperou. No s XIX era o primeiro centro comercial do Imperio Ruso, e en 1900 as súas 650 fábricas daban traballo a 45.000 obreiros. A poboación aumentou de 600.000 h no censo de 1871 a un millón en 1900. Os obreiros, sometidos a unhas condicións de vida moi penosas, desencadearon folgas importantes (setembro-outubro de 1905) e, posteriormente, cos estudiantes, efectuaron unha verdadeira insurrección (22 de decembro de 1905), que durou máis dunha semana. En outubro de 1917, os bolxeviques triunfaron na ocupación da cidade, despois de dúas semanas de loita, e convertérona novamente na capital de Rusia o 14 de marzo de 1918. Ao proclamarse a URSS (1922), converteuse na capital. Foi o obxectivo da ofensiva principal do exército nazi en Rusia. Despois da disolución da Unión Soviética (1991), Moscova pasou a ser a capital da Federación Rusa e sede do goberno, con base no Kremlin. Entre o seu patrimonio cultural destacan o Kremlin e a Praza Vermella, declarados Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO (1990). No s XVI artistas europeos, especialmente italianos, como A. Fioravanti, foron a Moscova a traballar e influíron sobre os artistas autóctonos coa creación dun estilo onde se mesturaron elementos renacentistas co estilo primitivo bizantino e coas formas da aquitectura lígnea; son desta época os mosteiros de Novodevičij (1524-1525) e de Donskoj (1592), a catedral de San Basilio o Benaventurado, a da Ascensión do Señor, a Kolmenskoje (1532), e a de San Xoán Bautista, a D’jakovo (1529). O barroco chegou a través de Polonia e de Ucraína e produciu un tipo de igrexa de tres plantas que se difundiu entre 1650 e 1714. Pedro I de Rusia prohibiu en Moscova as construcións de pedra, polo que hai poucos restos da primeira metade do s XVIII. Despois do incendio de 1812, a cidade foi reconstruída segundo as correntes artísticas europeas e en gran parte por artistas europeos. Durante os primeiros anos que seguiron á Revolución Rusa foron construídos edificios dun avanzado sentido arquitectónico, pero na década de 1930 impúxose o realismo socialista, con imitacións de grandes palacios barrocos e neoclásicos e con obras monumentalistas. Como sede cultural, alberga a Academia das Ciencias de Rusia, as academias de medicina, de pedagoxía, de agricultura, de arte e de arquitectura e a universidade, que leva o nome do científico Lomonosov. Entre as bibliotecas destaca a Biblioteca Estatal de Rusia, a máis grande do mundo. Entre os museos principais hai que mencionar a Galería Tretjakov, especializada en pintura autóctona, o Museo de Belas Artes Puškin, dedicado á arte occidental, o Museo da Revolución, o Museo Histórico e mais o Museo Lenin, así como o Teatro Bol’šoj. En 1980 foi sede dos Xogos Olímpicos.