Mosquera Gómez, Luís
Pintor. Comezou a súa formación da man de Román Navarro e en 1920 trasladouse a Madrid onde acadou unha praza no corpo técnico de Aduanas do Estado español. Alí coñeceu o ambiente artístico e en 1927 realizou a súa primeira viaxe a París, onde coñeceu a pintura máis vangardista. De volta a Madrid participou nos certames oficiais e obtivo a terceira medalla da Exposición Nacional de 1941 por Desnudos, a segunda medalla na mostra de 1943 por Desnudo e a primeira medalla en 1945 por Disfraces. Foi profesor na Escuela de Bellas Artes de Madrid e pertenceu á Junta de Valoración de Importación e Exportación de Obras de Arte do Museo del Prado. Cultivou o bodegón, o nu e a paisaxe e destacou como retratista. Os seus retratos amosan, en ocasións, unha composición clásica e, noutras, unha estrutura máis dinámica. Neles acadou a personalidade do retratado, personaxes procedentes do mundo da ciencia e da cultura e do seu ámbito familiar e persoal. Destacan os de María Casares (1925-1930), Camilo José Cela (1945), Pío Baroja (1946), Santiago Carro (1950) e Monseñor José María Escrivá de Balaguer (1963). Foi académico de número da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, na que presidiu a sección de pintura, académico da Real Academia Galega e académico de honra da Real Academia Gallega de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario. A súa obra amósase en diversos museos e coleccións galegas e españolas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Madrid