Mosteiro, San Pedro de

Mosteiro, San Pedro de

Igrexa parroquial situada en Ramirás. Pertenceu ao antigo mosteiro de San Pedro de Ramirás. Datado no s XI como mosteiro familiar, a primeira referencia documental é de 1017, cando recibiu a primeira doazón. En 1137 converteuse en mosteiro de monxas bieitas, despois substituídas por clarisas, e en 1499 anexionouse a San Paio de Antealtares. A igrexa, construída entre os ss XII e XIII, de transición do románico ao gótico, ten planta basilical de tres naves da mesma altura con cuberta de madeira e separadas por piares con arcos apuntados. A cabeceira fórmana tres ábsidas semicirculares, con bóveda de canón. Na fachada do templo destacan tres portadas decoradas con arquivoltas e a principal, franqueada por dous contrafortes, ten arcos superpostos.