Mostra de Teatro Galego de Ribadavia
Festival de teatro organizado pola Asociación Cultural Abrente en 1973. Co tempo converteuse no punto de encontro do teatro galego emerxente, marco de reflexión e debate arredor das posibilidades dun teatro de expresión galega e sobre a viabilidade dun teatro profesional. Entre 1973 e 1978 Ribadavia constituíu a cita anual do teatro en galego e por alí pasaron compañías como Ditea, Antroido, Teatro Circo, O Facho, Tespis, Troula, Candea, Malveira, Histrión 70, Grupo de Teatro Auriense, Martín Códax, Teatro Popular Queizán, A Farándula, Artello ou Máscara 17. Asociado á Mostra, a Asociación Cultural Abrente tamén organizou o Concurso de Textos Dramáticos, que deu a coñecer a autores como Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño ou Euloxio R. Ruibal. En 1984 a Mostra, que deixara de celebrarse desde 1979, volveu presentarse como Festival Internacional de Teatro, con dirección de Rubén García. Desde esa data constitúe un dos festivais de teatro de maior relevancia de Galicia.