Moure, Francisco de

Moure, Francisco de

Escultor, neto de Xácome de Moure. A súa obra, esencialmente manierista, marcou o tránsito entre o Renacemento e o Barroco. Instalado en Ourense, en 1594 ingresou como aprendiz no taller do escultor Alonso Martínez por un período de cinco anos, mais xa comezou a contratar obras en 1598. Do seu mestre adoptou o tratamento brando das teas, co emprego de pregaduras suaves que deixan apreciar a anatomía. Puido coñecer a través de Juan de Angés o Mozo o naturalismo da obra de Juan de Juni. A primeira obra documentada é a imaxe de San Roque (1598) da catedral de Ourense na que mostrou os trazos característicos da súa obra: o tratamento realista dos rostros e o canon estilizado. Dos moitos retablos que realizou consérvanse algunhas imaxes como as de San Pedro e San Paulo procedentes do retablo de San Xurxo de Acevedo (1601). Consérvase tamén o retablo de Santo Estevo de Vilar de Sandiás (1603) que responde a tipoloxía arquitectónica do s XVI: pedestal, dous corpos organizados en tres rúas e ático. Desde 1608 apréciase un maior naturalismo nas súas obras, entre outras, no retablo da igrexa de Santa María de Beade e sobre todo na imaxe de San Mauro da catedral de Ourense. En 1613 trasladouse a Samos co encargo de realizar cinco retablos para o mosteiro de San Xián, onde se mostrou próximo ao Barroco. En 1621 o cabido da catedral de Lugo encargoulle a realización do cadeirado do coro, trazado na súa parte arquitectónica por Simón de Monasterio. Nas cadeiras da parte superior realizou relevos de corpo enteiro e na inferior medallóns con relevos en forma de busto. Todos eles centrados no tema da redención. En 1625 encargáronlle o retablo maior da igrexa do colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte de Lemos, cunha iconografía baseada na idea da superación da morte. Terminouno o seu fillo Francisco de Moure , entallador que realizou tamén o retablo de San Xosé do convento de Santo Agostiño de Sarria (1639).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela

  • Deceso

    Lugar : Monforte de Lemos