Moyano, Lei
Lei de Instrución Pública que se promulgou o 9 de setembro de 1857, cando Claudio Moyano Samaniego era ministro de Fomento, e que estivo vixente ata 1945. A súa formulación é a dunha lei de bases en que se recollen uns principios fundamentais coa intención de evitar así un debate parlamentario sobre cuestións que podían resultar de máis difícil consenso. É unha norma ecléctica produto dunha encrucillada histórica que logrou sintetizar medio século de iniciativas político-educativas. De aí que os seus alicerces se encontren no Regulamento de 1821, no Plan do Duque de Rivas de 1836 e no Plan Pidal de 1845. Compendio e resumo de todas as anteriores, tentou harmonizalas conseguindo un estimable equilibrio entre as posicións de moderados e progresistas. Esta característica peculiar pode explicar, quizais, a súa vixencia ao longo dos ss XIX e XX. A súa base lexislativa recolle os principios de obrigatoriedade administrativa, uniformidade, secularización e liberdade minguada. Tamén pon de manifesto algúns dos principios asinados coa Igrexa Católica no Concordato de 1851. A súa ordenación xurídico-pedagóxica establecía tres niveis no sistema escolar: o ensino primario, organizado en elemental e superior; os estudos medios, divididos en xerais e de aplicación; e a educación superior que se estruturaba en carreiras de facultade e técnico-profesionais. Non foi unha lei innovadora senón que tentou consagrar un sistema educativo. Entre as súas eivas hai que sinalar o principio de gratuidade relativa -unicamente non pagaba quen non podía pagar-, ou os criterios establecidos para a súa financiación: delegaba o sostemento das escolas e os soldos do maxisterio nos concellos e os dos institutos nas deputacións provinciais. Con todo, regulamentou a selección de mestres e promoveu a creación de Escolas Normais.