Mozart, Johann Chrysostom Wolfgang Amadeus

Mozart, Johann Chrysostom Wolfgang Amadeus

Compositor austríaco. Os seus dotes musicais prodixiosos foron axiña observados polo seu pai, que decidiu educalo e, á vez, exhibilo, xuntamente coa irmá maior Maria Anna Nannerl, como fonte de ingresos. En 1763 emprendeu unha viaxe grazas á que coñeceu a orquestra e o estilo de Mannheim, a música francesa en París e o estilo galante de J. Ch. Bach en Londres. En Milán coñeceu a G. B. Sammartini, e en Boloña a G. B. Martini. Destes anos datan os primeiros cuartetos para corda, as sinfonías K 183, 199 e 200 (1773), o concerto para fagot K 191 (1774), as óperas La finta giardiniera (1775) e Il re pastore (1775), diversos concertos para piano, a serie de concertos para violín e as primeiras sonatas para piano (1774-1775). En París, onde marchou con súa nai en 1777, estreou a sinfonía K 297 e un ballet. Nos anos seguintes compuxo as sinfonías K 318 e 319 e a ópera Idomeneo, re di Creta (Múnic, 1781), influída por Gluck, que foi a primeira das súas grandes óperas. Desta época data a súa amizade con J. F. Haydn, ao que dedicou seis cuartetos (1782-1785), e a estrea da sinfonía Haffner (K 385, 1785) e outras obras. En Viena Lorenzo da Ponte foi libretista de tres das súas mellores óperas: Le nozze de Figaro (1786), Don Giovanni (1787) e Così fan tutte (1790). Coa morte de Gluck, o Emperador Xosé II concedeulle o cargo de kapellmeister, pero reduciu o seu salario, feito que impediu a Mozart saír do círculo vicioso das débedas. Esta crise reflectiuse en obras como o quinteto de corda K 516, as últimas sinfonías (K 543, 550 e 551, Júpiter, de 1788), os últimos concertos para piano e contribucións inxentes a estes xéneros. Nos últimos anos Mozart escribiu a súa derradeira ópera, Die Zauberflöte (A frauta máxica, 1791), e o Réquiem en Re menor, K 626, que foi rematado polo seu discípulo F. Süssmayr. Considerado o compositor máis destacado da historia da música occidental, a súa extensa produción incluíu case todos os xéneros e a súa influencia foi profundísima tanto no mundo xermánico como no latino.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Salzburgo

  • Deceso

    Lugar : Viena