Múgica Celaya, Rafael Gabriel

Múgica Celaya, Rafael Gabriel

Poeta. Coñecido como Gabriel Celaya, conviviu con Luis Buñuel, Salvador Dalí, F. García Lorca, J. R. Jiménez e Ortega y Gasset na Residencia de Estudiantes. Tras a Guerra Civil, onde combateu como republicano, militou no Partido Comunista de España. Considerado un dos máximos expoñentes da poesía social española, despois dunha longa paréntese escribiu unha obra abondosa, primeiro realista e despois experimental. Desta época destacan Marea del silencio (1935), asinada como Rafael Múgica; La soledad cerrada (1936, Premio del Centenario Bécquer), Tentativas (1946), Lo demás es silencio (1952), Paz y concierto (1953), Vía muerta (1954), Cantos iberos (1955), Poesía y verdad (1959), Versos de otoño (1963, Premio Altaya) e Poesías completas (1969). Máis tarde empregou a poesía como medio para unha toma de conciencia colectiva encamiñada cara a unha transformación da sociedade, como en La voz de los niños (1972), Buenos días, buenas noches (1976) ou Parte de guerra (1977). Tamén é autor de ensaios, da novela Lo uno y lo otro (1962) e do libro de prosa lírica Memorias inmemoriales (1980). Nos últimos anos comezou un proceso de experimentación en linguaxe poética con Penúltimos poemas (1982). Recibiu o Premio de la Crítica (1957) polo libro de poemas De claro en claro (1956), e o Premio Nacional de las Letras Españolas (1986). Foi nomeado doutor honoris causa pola Universidad de Granada (1990).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Hernani

  • Deceso

    Lugar : Madrid