Muntenia

Muntenia

Rexión meridional de Romanía que corresponde ao sector oriental de Valaquia. Esténdese desde a vertente S dos Cárpatos Meridionais ata o val do Danubio, e desde o val do Olt, ao O, ata Dobruxa setentrional, ao L. O centro e a capital é Bucarest. A maior parte de Muntenia está formada pola gran chaira danubiana, constituída por solos aluviais e cuberta por unha espesa capa de loess, que fai dela unha zona moi fértil. Numerosos ríos, afluentes do Danubio, régana de N a S. É unha das rexións máis ricas e poboadas de Romanía. O clima, continental cunha certa tendencia á aridez estival, inflúe no desenvolvemento da agricultura, que é unha das bases principais da súa riqueza. Dentro da actividade industrial destaca a extracción e refinación de petróleo, e tamén son importantes as industrias mecánicas, químicas, téxtiles e alimentarias. Apareceu como principado independente co nome de Gran Valaquia no s XIV baixo o príncipe Barasab I (1324-1352) e mantívose independente ata finais de 1526 (Batalla de Mohács), cando pasou a dominio turco. Durante os ss XVI e XVII producíronse varios intentos de saír do dominio turco, actitude que supuxo a substitución gradual dos príncipes nativos por fanariotas na administración do territorio, ata que no s XIX volveu ser ocupada polos autóctonos (1821). Desde 1839 estivo baixo a tutela de Rusia, e en 1859, ao unirse con Moldavia baixo o mando do príncipe Alexandre Xoán I Cuza, deu lugar a Romanía.